Opinión

Instituto Rosalía de Castro

Hai uns días presentábase o Barómetro da Cultura Galega 2024, documento que mide o estado e a evolución da actividade cultural do último ano en Galiza e que foi elaborado polo Observatorio dependente do Consello da Cultura Galega. Neste informe, constatábase que a cultura está sufrindo unha minoración na súa velocidade de crecemento e resaltábase tamén que o sector volve suspender o apoio das diferentes administracións en materia cultural. Hai outro aspecto deste informe de grande interese,  aquel que se refire á necesaria proxección internacional que precisa a nosa cultura. Neste aspecto, a situación é mala e empeorou en relación aos anos anteriores: fálase dunha notable redución da presenza internacional das creadoras e empresas culturais galegas. Galiza precisa unha política activa de intercambio e promoción da súa creación e produción cultura, e para iso cómpre crear un organismo propio que teña como fin promover a internacionalización da lingua e a cultura galega, que facilite a todos os axentes culturais galegos a súa visibilidade no exterior, que coloque a cultura galega en situación de dialogar co mundo en pé de igualdade, que apoie en todos os ámbitos a creación e o coñecemento, que sexa capaz de tecer redes de complicidade e intercambio.

Precisamos, ao igual que outras nacións da nosa contorna, a creación dun instituto para a promoción e a difusión exterior da cultura e da lingua galega, apoio imprescindible para incrementar a presenza, a visibilidade, e a produción e venda no mercado internacional. Ao estilo do Institut Ramon Llull ou o Etxepare Euskal Institutua.

Ten que ser un berro unánime de todos os sectores culturais –fronte ao responsable da Consellaría de Cultura– a creación do Instituto Rosalía de Castro para colaborar e apoiar artistas, institucións, colectivos e entidades. Na relación coa lusofonía, ese instituto Rosalía de Castro debería traballar en conxunto co Instituto Camões para aproveitar todas as redes xa establecidas.

Comentarios