Opinión

Duelos e libelos

As mentiras poden matar, as palabras poden ferir. Di Oscar Wilde na Balada do Cárcere de Reading que uns matan cunha ollada amarga, outros cunha palabra afagadora, o covarde cun bico, o valente coa espada. Mata unha mentira, en Otelo as falsidades de Iago son causa de que Otelo estrangule a Desdémona, suicidándose despois. Embustes e andrómenas poden ferir a democracia e os aprendices de Goebbels saben que unha mentira repetida mil veces convértese nunha "verdade". 

Hai quen vive nunha burbulla, en comunicación só con persoas que pensan do mesmo modo, e cre que as loiadas non fan efecto; porén durante esta semana tres conversas en distintos contextos producíronme arrepíos. Nun caso, xustificouse a crenza en que Begoña Gómez fixera isto ou aquilo nas noticias da TVG e dun xornal galego de alta tiraxe. Se alguén fía a súa información na televisión galega pode non chegar a ver nunca as historias das comisións do noivo de Ayuso, mentres escoita unha e outra vez ao líder que "non ía insultar" afirmar que Sánchez é un ditador e pretende acabar coa liberdade de prensa. En Galicia sabemos ben do efecto das calumnias.

Quero crer que chegará un tempo en que a desinformación non asolague o mundo, igual que hoxe a ninguén se lle ocorre resolver afrontas con duelos como o que causou a morte en 1837 do poeta Aleksandr Pushkin aos trinta e sete anos, privándonos de todo o que podería ter escrito. Sociedades e países foron decidindo prohibir os duelos. No caso dos medios, a regulación é un problema complexo, prohibir non é a solución. Con todo, podería regularse, por exemplo, o apoio con cartos públicos a medios que difaman, ou controlar as falsas audiencias consistentes en exércitos de bots. Se hai tempo fomos capaces de considerar os duelos unha atrocidade, se non guindamos cristiáns ás feras e se acabamos coas execucións, poderemos tamén acabar cos libelos. 

Comentarios