Opinión

Terra malferida: Altri

"Mentras soñaba coa terra / malferida a malpocada". Versos de Celso Emilio Ferreiro, celebrado pola RAG o día da poesía, singularmente acaídos neste ano. Malferida a terra galega, atravesada por centos de miles de espeques de eucalipto. Baixo a ameaza da coitelada de Altri que pretende malferir a Terra do Medio, traspasando o corazón de Galicia. A consecuencia da instalación do monstro sería rachar o tecido agrícola e gandeiro de Palas de Rei, Monterroso, Santiso, Arzúa, Melide, Agolada, Antas de Ulla. Produtos que teñen selo ecolóxico, como o mel, perderíano. O desenvolvemento económico de Galicia non terá lugar a través de industrias contaminantes, temos a proba en Ence, senón cun apoio decidido da administración ao tecido existente, promovendo transformacións que engaden valor como propón, entre outras, a Fundación Juana de Vega.

A magnitude das cifras arrepía, 360 hectáreas, dez veces a extensión de Ence, 400.000 toneladas de celulosa ao ano, e só a metade de lyocell, mudando así a proposta inicial, desmentindo o nome de Greenfiber co que se presentan agora; seica cren que por estar en inglés non nos decatamos do que é un exemplo destacado de greenwashing, ecolavado, facendo pasar por ecolóxico o que constitúe un atentado ao ambiente. 46 millóns de litros de auga ao día é un espolio de consecuencias catastróficas. A auga é un prezado recurso, cada vez máis escaso no mundo, un patrimonio natural galego que non se pode desbaldir. A auga, vertida despois no Ulla, chegaría á ría de Arousa, degradando ecosistemas de alta produtividade en peixe e marisco. Consumiría 1,2 millóns de toneladas de eucalipto, definido como procedentes "de bosques galegos". Desculpe, que bosques? O eucalipto é un cultivo, como o millo que tampouco é un bosque.

Cómpre agradecer á plataforma Ulloa Viva informar, revelar mentiras, mobilizar a veciñanza para gardar a terra das feridas.

Comentarios