Opinión

A fenda salarial

Comezamos a semana coa nova mundial de que o goberno francés modificaba a Constitución para engadir ao seu articulado que: "A lei determina as condicións en que se exerce a liberdade garantida á muller de ter recursos para unha interrupción voluntaria do embarazo". O presidente francés elixiu intencionadamente a data e anunciou o acto de modificación para este 8-M. 

Visto desde aquí, pode sorprendernos que sexa precisamente este presidente quen leve a termo esta proposta que, aínda nos pode sorprender máis, recibiu máis de 90% dos votos do Parlamento. 

Nesta semana, chéganos tamén a nova de que Irlanda aproveita o 8-M para facer un referendo sobre a retirada da Constitución de afirmacións patriarcais tales como que o lugar da muller é o fogar. E si, o primeiro que nos preguntamos é como están aínda no texto. Ou tamén, por que sometelo a referendo. O peso da igrexa? Nestas latitudes, comprobamos como as grandes palabras que encheron a boca das políticas feitas desde Madrid non foron quen de provocar avances efectivos. Explícome. 

Dicía Virxinia Woolf que ás mulleres cumpríalles independencia económica e nosoutras puxémonos a traballar e o sistema premiounos coa feminización de determinados oficios e unha menor retribución instalada no ideario social ao lado do concepto "cabeza de familia". Era a "fenda salarial", ese abismo que colocaban aos nosos pés cando pretendiamos a igualdade. E cando se vai cumprir o primeiro cuarto do século XXI, comprobamos que esa "fenda salarial" non se reduce, aumenta, fainos pobres e quere manternos dependentes. E aínda por riba, temos que nos esforzar en facer moita pedagoxía para explicar que si, que a fenda existe e que o sistema foi quen de a manter viva e até camuflala para nos enganar. Daquela, pregúntome: para cando unha blindaxe constitucional das mulleres contra a fenda salarial? Excesivo? Un exemplo? Velaí a Constitución portuguesa que recolle a protección laboral e salarial das mulleres durante a xestación e tras o parto. 

Comentarios