Opinión

As letras

Somos, en boa parte, contexto. Actuamos e pensamos dentro dunha realidade que nos condiciona. Realidade que, ás veces, nos limita. Constatamos que a manipulación segue vixente nesta democracia performativa en que a análise política perde peso en favor do espectáculo. Que querer ser fiel á memoria de quen xa non está pode ter como resultado ser censuradas co ocultamento.  

No ámbito literario, adoitamos invocar o necesario paso do tempo para poder botar unha ollada obxectiva sobre obras e autoras, mais esa perspectiva pode ser usada, xustamente, coma o garamelo do que nos falaba Villalta en xuño de 2003, nun artigo en que reflexionaba sobre as esperanzas frustradas do nacionalismo nun novo proceso electoral e advertía que "nós, nacionalistas" debemos prestar atención ao sistema porque "se non somos quen de atallalo, é o noso garamelo".

Eu engado, no literario tamén. A recuperación e a lectura da obra dunha autora, nunha época, é un proceso de escrita da historia. É contextualización, análise do noso espazo e do noso tempo. Relela hoxe é comprobar que segue a se dirixir a nós, que nos fornece de reflexións e nos dá palabras para enfrontar esta xeira. Que as arelas do pasado están vivas e seguen a alimentar este motor literario que hoxe, coma onte, quere romper cos moldes formais herdados para deixar a súa sinatura: "A cada tempo, a súa arte. A cada arte, a súa liberdade", porque a literatura é "un dos vehículos máis relevantes de fabricación e transmisión de ideas" (así o expresaban esta mesma semana Mercedes Rozas e Elías Torres, respectivamente).

Celebrar as letras é retratar a autora tal e como era, facendo accesíbel a lectura da súa obra con tempo suficiente, recompilándoa debidamente para termos o calidoscopio completo e comprobarmos a profundidade e o compromiso do seu pensamento, deleitarnos na súa procura da beleza artística, verificarmos como aí, no fondo e na forma, foi unha voz relevante do seu tempo, creadora dunha literatura que escribe a historia.

Comentarios