Opinión

Chifre de can

Chifre de can, en inglés dog-whistle politic, é unha técnica de comunicación política que descubrín este Nadal, nunha destas sobremesas en que nos poñemos a compartir memes e a comentalos.

Rodaba polo Whatsapp a típica graza feita a partir dunha situación común no pasado que hoxe non se daría por mor da diferente aceptación social da realidade. A verdade é que a mensaxiña tocaba todos os paus: a lei de protección animal, os dereitos laborais, as reivindicacións feministas, a identidade de xénero (e aí saltou a miña alarma, cambioume a cara e abandonei o sorriso inicial co que comezara a lectura), a consideración das persoas migrantes, o movemento okupa, a ecoloxía, etc. En fin, que facía chiste con todas estas cousas para acabar co consabido: "Agora non se pode dicir nada que axiña sae un colectivo de ofendidiños". Entón unha persoa ao meu lado dixo: "Iso é un 'chifre de can'". Que? A verdade é que a metáfora é elocuente: unha mensaxe, reaccionaria, que busca en silencio o seu público obxectivo. Aparentemente, mantense no que denominamos politicamente correcto, de xeito que supera as barreiras do ámbito da esquerda para acadar os seus reais destinatarios, persoas receptivas a mensaxes retrógradas, como que todos os avances sociais que reclamamos son un obstáculo para a convivencia, para a comodidade de que as cousas sigan sendo como sempre foron. E deste xeito, coma unha mensaxe graciosa para compartir nestas datas, vai rodando de móbil e móbil e cumprindo a súa función.

Pescudando un pouco dei cunha análise universitaria que aplica esta técnica á análise de discursos fascistas, neste Estado ou no arxentino.

Hai anos que se escribe sobre esta técnica de comunicación empregada xa en enquisas políticas americanas no século pasado. Non é nada novo. Mais tampouco é algo sobre o que haxa un coñecemento xeneralizado que nos permita estar atentas e acender as alarmas do pensamento crítico antes de compartir unha mensaxe. Canto máis en épocas preelectorais coma esta.

 

Comentarios