Opinión

Coa CIG

Adoito berramos "Coa CIG na rúa, a loita continúa". Facémolo para explicitar que a mobilización é a garantía de que as nosas loitas laborais non esmorecen. Mais, esas palabras, realmente tamén definen a situación do sindicalismo na Galiza, talvez un dos territorios, ou mellor, o territorio do Estado español en que a loita obreira está máis viva e con capacidade de condicionar e frear os retrocesos nos nosos dereitos que nos impoñen as patronais.

O pasado luns, no 'Faladoiro' da Radio Galega, a directora de Nós Diario, daba conta de que Galiza estivera á cabeza das mobilizacións do Estado en canto a participación, loxicamente calculada de maneira porcentual. E non é a primeira vez. Neste século, esta valoración dunha data coma o 1º de maio, foi a tónica xeral.

E non só. O secretario xeral da CIG confirmábanos en Vigo que a central nacionalista percorrera ese día 16 cidades e vilas galegas. O maior número de convocatorias (e falo das feitas pola CIG), en termos absolutos. Computando as dos sindicatos maioritarios de todo o estado, Galiza supera as 14 de Castela e León ou as 10 de Andalucía, mesmo as 13 de Euskadi.

A realidade é que a presenza da CIG no marco laboral galego beneficia o conxunto da clase traballadora. Algo que se comproba nas reaccións á nosa presenza nunha reunión ou nos esforzos das patronais por impedir que obteñamos representación nas empresas, contando para iso coa colaboración inestimábel das outras organizacións sindicais. Si. Na miña traxectoria como sindicalista fun acumulando exemplos que atinxen a todas as siglas que se vos ocorran, de ámbito español ou galego, nacionalistas ou non, á dereita ou á "esquerda". Porque cando se trata de medrar e sumar delegados, cando se trata de abrirse oco en sectores en que non se ten presenza, todas entran no xogo de impedir a presenza da CIG. Nada une máis, xa sabedes, que ter un "inimigo" común.

Mesmo o sistema pon en marcha os seus mecanismos contra os nosos representantes. Mais... A loita continúa.

Comentarios