Opinión

Crónica troiana

A Crónica troiana volverá a Galiza. Néstor Rego, en representación do BNG, conseguiu por medio dunha iniciativa presentada no Congreso que o manuscrito sexa cedido a unha institución cultural galega neste seu 650 aniversario. E tamén que se inicie o estudo da cesión permanente a Galiza desta xoia da nosa literatura medieval.

Desde 1993 habita nos meus andeis un exemplar da edición da Fundación Barrié. Comeza cunhas palabras do entón presidente da RAG, Domingo García Sabell, quen, como delegado do Goberno en Galiza (co PSOE de Felipe González), antepuxo a obediencia centralista ao seu cargo na RAG e presentou recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Normalización Lingüística. Nese limiar di que a obra é "fundamental para o coñecemento da nosa lingua en profundidade e con rigor". Porque, efectivamente, esta obra que recrea a lenda de Troia é unha mostra de como era a lingua na altura, mais tamén da súa importancia antes de ser "castrada" pola política colonialista dos Reis Católicos.

Leo por riba o estudo introdutorio de Ramón Lorenzo, quen defende que a primeira tradución peninsular do texto francés foi para o galego e que, de aí procedería a versión castelá novamente traducida ao galego na versión que edita en 1985. No trazado deste argumento Lorenzo indícanos que esta tradución comeza con Afonso XI e remata co seu fillo Pedro I, rei que tivo en Fernán Ruis de Castro un poderoso aliado, nunha época en que Galiza era o centro e non a periferia como tamén limos esta semana.

Esteos que mostran o esplendor (que diría F. Rodríguez) dun pasado que teiman en ocultarnos. Como sinala a nota do BNG "ningún dos grandes códices que recollen a extraordinaria literatura galega, quer lírica, quer en prosa, se achan na Galiza". Mais grazas a esta iniciativa volveremos sentir o orgullo que sentimos cando retornaron A derradeira lección do mestre ou o Pergamiño Vindel. Mais agora, coa posibilidade de falarmos sobre a cesión permanente. 

Felicitémonos.

Comentarios