Opinión

Israelización

Nunha misiva aberta asinada por até doce congresistas republicanos estadounidenses ameázase o Fiscal Xeral da Corte Penal Internacional con "severas consecuencias" para el, a institución, a súa familia e o persoal ao seu cargo se continúa adiante a orde de arresto contra Netanyahu e a cúpula político-militar extremista e fanatizada que executa impunemente un baño de sangue contra civís como non se vira desde a fin da II Guerra Mundial. Ao tempo, o Congreso aprobou unha Lei que contempla penas por "antisemitismo" para quen sinale publicamente o réxime colonial e de apartheid que o pobo palestino sofre desde o século pasado maila limpeza étnica antisemita en curso. Os congresistas –a soldo do lobby sionista– votaron para protexer o seu patrón no contexto dun florecemento de protestas da comunidade universitaria que recorda á axitación contra a Guerra do Vietnam e se estenden –fortemente reprimidas– polos campus, non só dos EUA. En Gaza, ademais dun infanticidio atroz, perpétrase un escolasticidio onde os centros do saber son arrasados e parte do profesorado e da elite intelectual asasinada.

Como todo adoita ter causa-efecto, chegan réplicas a Europa: en Francia, estudantes e facultades son ameazados con procedementos disciplinarios e axuste do financiamento público; no Reino Unido ou no Estado español –máis en Galiza– prepáranse accións solidarias contestatarias. Non é casual, por iso, que Milei acometa na Arxentina unha ofensiva dirixida contra o ensino superior ou o Goberno de Ayuso esixa aos reitores que "deixen a política fóra das aulas", especialmente na Facultade de Ciencias Políticas da Complutense onde xa ergueron a voz pola complicidade da banca e industria bélica coa barbarie. Fai meses foi Abascal quen cualificou a Universidade de Salamanca de "converterse nun lugar de adoutrinamento totalitario". Morra a intelixencia. Os "centros do coñecemento universal" son incompatibles co fascismo e coas dereitas pre-ilustradas emerxentes en proceso de israelización.

Comentarios