Opinión

Irse, tal vez fuxir

Hai xa unha morea de anos fuxín dunha cidade á que regresei de turista, para visitar á familia biolóxica e algúns amigos que non me borraran aínda da memoria. Crucei o Atlántico tantas veces que perdín a conta (en barcos de pesca, de guerra, de patrulla internacional, de investigación). Vivín tantos anos afastado da casa matriz, que cando regreso case non a recoñezo. Así fun e son un estranxeiro a onde queira que vou ou que regreso. Paseei os cinco continentes, de Sidney a Montreal, de Chicago a Bos Aires, de Alxeciras a Istambul (como na canción), de Tiblisi a Kirkennes, e de Bergen a Marrakech, para regresar agora á terra de orixe coma un estranxeiro máis, coma un escritor externo pois fun educado en castelán e vivín máis da metade da vida nun estado bilingüe e traballando nunha lingua que non era nin a de orixe nin a do estado onde moraba.  

Irse e regresar cos secretos do mar prendidos tras dos ollos, co frío dos invernos do Norte e as ideas mesturadas de tantos libros lidos nos tránsitos nesas sete linguas que constitúen a miña ‘Osa menor’ para guiarme no universo literario. Trouxen tamén os diálogos e a arte de persuasión para negociar unha vírgula que pode modificar o senso dunha frase, para convir que estamos de acordo no desacordo e seguir falando con argumentos e nunca con consignas, con números e conceptos e non con instintos básicos. Esa rara habelencia para escoitar e conseguir ser escoitado, para negociar nos corredores, para ser quen de perder un punto para gañar logo outro, equilibrando así os trade-offs que toda negociación comporta.

Irse e regresar permeábel as discusións e aberto a mudar de posición se escoitaras mellores argumentos cos teus. Nada de enroques ou liñas vermellas, ningunha consigna e ningunha trola interesada para mudar os marcos ou a historia. Irse e regresar a unha cidade gobernada por un populista sagaz, que vive nun mundo paralelo, que entra en delirio cada vez que fala no seu galego de mínimos ou no seu inglés atrabiliario. 

Comentarios