Opinión

Fisionomías de ouro preto

Diversas son as fisionomías que nos presenta unha das cidades mais emblemáticas do Brasil, tanto en historia como en arte como é Ouro Preto, no estado de Minas Gerais. Manuel Bandeira, excelso poeta e bo captador de imaxes, dixo: “Ouro Preto é a cidade que não mudou, e nisso reside o seu incomparável encanto”. Esta cidade histórica e monumental non transgrediu a súa estrutura arquitectónica, fundada en 1711 co nome de Vila Rica de Albuquerque. Despois denominouse Vila Pobre, por poucos anos, e definitivamente normalizou o nome de Ouro Preto. Aquí chegaron en 1698 aqueles especuladores portugueses, coñecidos como os bandeirantes, que procuraban ouro. Aínda están a bo ver os furacos naquelas verticalísimas montañas que parecen cicatrices, mostrando a rapina do ouro que aquel afamado rei João V, que gobernou Portugal desde 1706 a 1750, empobreceu as minas de Ouro Preto para construír aquela loucura de ostentación que representa o pazo real de Mafra.

O ouro da antiga Vila Rica aínda deu para construír todo un tecido urbano, en medio daquelas pendentes montañosas, con rúas e casas de beleza sen par, que mostran o orgullo de ter un gusto de plena sobriedade e non magnificado na opulencia, só en raros casos. Aí están esas nove igrexas barrocas en diversos puntos estratéxicos da cidade, impoñendo seu ímpeto nese estilo exuberante, onde esas liñas arquitectónicas parecen unha sinfonía de clamores galácticos.

Sírvanos de mostra todos eses compactos engarces, inventario do creativo Aleijadinho. Non podemos deixar de falar deste enorme escultor do barroco brasileiro, cuxa obra está presente neste amplo trazo xeográfico mineiro, onde o ouro tiña presencia en tantos decoros e opulencias. A igrexa de San Francisco de Asís é unha boa mostra até onde levou o Aleijadinho a transformación do barroco nunha expresión viva do que el entendía por arte e natureza conxuntadas en seus vencellos complementarios. Eses púlpitos dimensionan o perfil creador de Aleijadinho. Diante deles, o poeta mineiro, Carlos Drummond de Andrade, versificou: “Senhor, os púlpitos mudos / Entretando me sorriem, / Mais que vossa igreja, esta / Sabe a voz de me embalar. // Perdão, Senhor, por não amar-vos”. Falar de arte en Ouro Preto temos que mencionar a un dos grandes pintores do barroco destas igrexas como foi Manuel de Ataide (1762-1830), que fornece o estilo arquitectónico e escultural do Aleijadinho.

Todo este conxunto monumental levaron á UNESCO a declarar a Ouro Preto Patrimonio Cultural da Humanidade. Ouro Preto é hoxe unha cidade pola que se transita dentro do antigo, dado que no seu perímetro non se permitiu a construción de edificios modernos, deses altos e esquivos que tanto se toleran en toda parte. As casas, con súas balconadas, vitrais e decorados custodian esas altas igrexas que desafían a despóticos deuses.

Nesa enorme praza rectangular érguese, como sable desafiante, o ático monumento dedicado a Joaquim José da Silva Xavier, Tiradentes, que en Ouro Preto foi quen quixo emancipar o Brasil, aínda que el non fora o insurrecto intelectual, foi o intrépido militar de baixa graduación que se levantou contra o despótico poder colonial. Foi a víctima expiatoria coa que se intentou aplacar o levantamento independentista de Ouro Preto, despois de ser aforcado, o seu corpo estrangulado, partillado e exhibido seus anacos por varias cidades do Brasil. Era a revolta dos Inconfidentes, nos que estaban poetas e masóns articulando o levantamento de independencia do Brasil.

Fronte ao seu monumento está o Museu dos Inconfidentes, no que se recolle a memoria viva dos precursores independentistas, moitos deles están en austeras tumbas. Un museo que liga o pasado más álxido e fecundo daquela Vila Rica que entraña todo ese proceso revolucionario que destinguiu a daquel Ouro Preto nacionalista. Ese Ouro Preto escintilante que vive agora da venda de diamantes e pedras prezadas, promontorio de arte e de artistas.