CULTURA

Así soa o novo tema de Rebeliom do Inframundo e Fillas de Cassandra

Rebeliom do Inframundo e Fillas de Cassandra veñen de asinar a súa primeira colaboración, "Contra vento e marea". O tema, que xa está dispoñíbel nas plataformas dixitais, preséntase como un arrebatador, cómplice e fascinante xogo de contrastes entre dúas formacións esenciais na actual escena da música galega. O sinxelo demostra que a confluencia entre as dúas bandas que agromaron en Vigo é natural, enriquecedora e proveitosa para a música do país.

Contra vento e marea, explica Nervo, MC de Rebeliom do Inframundo, é "unha oda á superación, a remar contracorrente, a manterse a flote, a sobrevivir no medio desta puta loucura". É un canto a non deixarse levar pola ira, mesmo sendo conscientes que hai razóns dabondo para que a ira aflore. "É unha canción chea de orgullo, forza e valor, evocadora de todo tipo de sentimentos precisos para vencer á frustración», expón.

Ao fío, María SOA e Sara Faro salientan "a forza e a colectividade" que se desprende da peza. "Como di o tema, somos rochas contra as que bate o mar. Contra todos os contratempos que poidan vir, ímonos manter firmes e mirar cara adiante", apuntan.

Nesta primeira colaboración, Rebeliom do Inframundo achégase a un rexistro poético conmovedor e descarnado, cunha colosal carga emotiva, mais sen deixar, en ningún momento, a súa esencia combativa. "Som o som das ondas à beira do mare, o latejo, a espuma branca, o nosso lare, a costa e dureza. Puto, nom todo vale. Ilhas Atlânticas freando tempestade", rapea Nervo sobre a produción musical de 2Pasøs e Frank Huxley.

Pola súa banda, Fillas de Cassandra expoñen, dun xeito vehemente e apaixonado, a fortaleza que reside nelas. "Nas augas do inframundo fazemos o nosso mare", cantan María SOA e Sara Faro nos primeiros compases do tema.

Comentarios