Anxo Angueira: "Serei un soldado máis en defensa do proxecto da Academia"

Entrevistamos o último académico da lingua galega.
Anxo Angueira ingresou na RAG nun acto celebrado nun ateigado Auditorio Municipal de Padrón. (Foto: RAG).
photo_camera Anxo Angueira ingresou na RAG nun acto celebrado nun ateigado Auditorio Municipal de Padrón. (Foto: RAG).

-Vén de ser ingresar este sábado como académico de número na Real Academia Galega (RAG) nun acto que, exercendo vostede como padronés ilustre, non podía ser noutro lugar que na súa vila natal. Que sentiu ante ese recibimento no que non faltaron nin os remos das dornas?
Foi especialmente emocionante, porque por un lado o Concello e o pobo de Padrón, co seu alcalde á fronte, entregáronse neste acto. E por outro, tamén os amigos do mar, da cultura tradicional náutica mariñeira galega, fixeron acto de presenza. A xente da miña aldea, coa que traballei man a man... é unha cousa que realmente emociona.

Padrón, para min, é a miña vila. Alí pasei os anos da miña formación intelectual e cívica, e síntome, aínda que non viva en Padrón xa, como un padronés máis.

-Sen deixar aínda de lado esa vinculación con Padrón, nunha recente entrevista que lle fixo Montse Fajardo publicada no Sermos Galiza, falando, como non podía ser doutro modo, dunha Rosalía da que vostede preside a súa Fundación, reflexionaban conxuntamente sobre a conexión da súa figura co tempo presente. Segue en vigor Rosalía?
Por suposto. Eu quixen demostrar que o que dixen da poética da luz de Rosalía de Castro afecta ao presente, porque afecta ao proxecto de Rosalía de Castro, que é o proxecto de emerxencia e o proxecto que lle dá sentido ao horizonte da Galiza contemporánea. Non falamos do pasado, Rosalía está viva, Rosalía é presente, no sentido de que o proxecto dela é o noso proxecto, e polo tanto é o futuro.

-Falando do presente, que representa, nun tempo como o actual, ser membro dunha institución como a Real Academia Galega?
Para min é un orgullo, un gran recoñecemento. Pero por outra parte é unha responsabilidade, pois a Academia é un dos grandes fitos históricos desa Galiza emerxente, desa Galiza que vai contra a asimilación castelanista. Xa o dixen no meu discurso, o que quero é colaborar para defender a independencia da Academia, o prestixio da Academia e o horizonte para a que foi creada, que é a defensa insubornábel da nosa lingua e a nosa cultura.

-Que agarda do futuro, do tempo que ten por diante na institución?
Non o sei, acabo de entrar nela (ri). Eu ofrezo o meu traballo, o meu esforzo, o meu tempo... todo o que poida para servir e para traballar. Eu son un obreiro, considérome un traballador máis desa gran obra que historicamente realizamos todos, eu son un soldado máis da Academia e onde faga falta alí estarei para defender o proxecto orixinal, que é un proxecto común e compartido a pesar de todas as diverxencias.

Comentarios