O ballet de Dores André, o legado de Vicetto e as 'ciberpegadas' da Galiza, no 'Sermos Galiza'

Podes atopar o semanario 'Sermos Galiza' este sábado, 16 de marzo, acompañando o xornal 'Nós Diario'. 64 páxinas por só 3,20 euros!
Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas este 16 de marzo un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana, que abre cun artigo da actriz e pedagoga teatral Melania Cruz titulado 'O tempo suspenso'. A bailarina de ballet Dores André (Vigo, 1985), considerada polos máis prestixiosos nomes da coreografía como unha das dez mellores do mundo, protagoniza a revista a través da extensa entrevista que lle realiza a xornalista Montse Fajardo.

Mantén os desexos de aprender e a modestia de outorgarlle á sorte un papel no seu éxito, malia que sendo aínda unha nena tivo que afastarse do fogar para formarse e chegar a ser a primeira bailarina do ballet de San Francisco. A súa espiña: non ter actuado nunca na Galiza onde, di, a cultura non ten apoio institucional dabondo. "O baile require moitísima disciplina pero o que tamén ten é que dá moito. Dáme un propósito, e ter un propósito na vida para min é necesario. Tes algo polo que levantarte pola mañá, polo que vivir. Sacrificio son as cousas que unha non pode facer, e acaba facendo outras", afirma nesta conversa.

Ciberpegadas: a conservación do percorrido da Galiza polo mundo virtual

No pasado, os seres humanos deixaron a súa pegada pintada nas paredes das covas, escrita a man en papiros e pergamiños, esculpida en edificacións que seguen en pé e capturada nas partituras das composicións que aínda son banda sonora. Agora, moitas das pisadas da humanidade teñen lugar no mundo virtual, mais non por iso merecen ser condenadas ao esquecemento. A súa preservación será chave no porvir e esa é función da arqueoloxía dixital. Sobre isto fala na reportaxe de apertura a xornalista Eva Cid Rivas.

O 24 de febreiro de 1996, Vieiros botou a andar. Nos seus inicios, o enderezo web que tomou o nome da extinta revista do Padroado da Cultura Galega de México, era un directorio de recursos de interese para a cidadanía galega. Porén, pouco a pouco, a web fundada pola empresa ferrolá Item- Aga comezou a apostar pola información, até converterse no primeiro medio de comunicación dixital da Galiza.

Vicetto: 200 aniversario da persoa que dotou a Galicia dunha historia

No ano 1865 sae do prelo da imprenta de Taxonera o primeiro volume do corpus que o autor Benito Vicetto dedica á Historia de Galicia. Agora, no bicentenario do natalicio do escritor, resulta máis que necesaria unha revisión da obra que supere as afirmacións simplificadoras coas que se ten valorado en xeral esta obra. No presente artigo, achegámonos aos tomos dedicados á Historia Antiga e Medieval por parte do devandito autor e a visión que aporta delas. E sobre isto escriben na segunda reportaxe Rubén Labisbal Pérez e Antonio Casal Velázquez.

Desde unha orde cronolóxica, o inicial é consignar os primeiros poboadores da nosa terra. Difícil tarefa, contando a escasa información dispoñible por aquel entón. Para acadala, recorre tanto á tradición como ás fontes clásicas. Así, vencella os primeiros poboadores coa tradición xudeo- cristiá do diluvio baseándose nas Antigüidades Xudaicas de Flavio Xosefo. Son pois os descendentes de Noé os fundadores dos antecedentes das nosas vilas, chamadas gahs ou abrigos.

Literatura, música, cinema... e máis!

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Anxo González Guerra achégannos as novidades no sector literario, a comezar por A ferida imaxinaria, de Berta Dávila (Xerais, 2024), e unha ollada retrospectiva de Os biosbardos, de Eduardo Blanco Amor (Galaxia, 2014, 3ª).

No apartado musical, Lois Agrelo analiza o disco Laniakea Communique, de Kalte Sonne (Independente, 2024), así como outras novidades. Pola súa parte, Xurxo Souto fálanos das Gharotas no artigo 'Barcelona bravú, as gharotas da ribeira'.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Os espazos en branco, de Bruno Arias (78 minutos, 2024, Galiza), sobre a súa tía Xela Arias, así como outros títulos de estrea e clásicos da gran pantalla.

Ramsés Pérez asina na sección Ir ás aves o artigo titulado 'Aves de verbas feiticeiras', sobre cotovías e lavercas. Aliás, Carlos L. Bernárdez fala da exposición Deuses e heroes del barroco veneciano. De Tintoretto a Luca Giordano e Sebastiano Ricci, comisariada por Angela Munari e Babet Trevisan na Fundación Barrié da Coruña, até o 14 de xullo.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa, como é habitual.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado, 1 de marzo, acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios