Máis

Cambados, vila do albariño

Esta semana a veciñanza brinda polo seu viño.
Parra Cambados
photo_camera As parras son un dos elementos máis característicos e representativos da paisaxe de Cambados.

Na década de 1950, cando se organizou o primeiro concurso de viño, era difícil prever a repercusión que obtería o evento tempo despois. Actualmente, a Festa do Albariño de Cambados (O Salnés) é unha das celebracións máis multitudinarias da Galiza e goza dun gran recoñecemento dentro e fóra do país, como acredita o título de “Cidade Europea do Viño 2017”. No ano 2018, completou o seu palmarés conseguindo o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional.

A veciñanza de Cambados poderá desfrutar durante esta semana dunha programación dinámica, que inclúe actuacións musicais, catas de viño, ruadas e actividades infantís.

A cita comezou onte ás 13 horas co pregón, a cargo da compañía Teatro Caracol, e a posterior apertura das casetas de viño no paseo da Calzada, ás 13.30 horas.

As actividades programadas terán lugar nalgúns dos lugares máis emblemáticos da cidade como a praza de Fefiñáns, que este ano acolle as actuacións de artistas como Belén Aguilera, Justin Quiles, Zahara, Stay Homas e por último a Banda de Música de Castrelo.

Á marxe da programación musical, o protagonista indiscutíbel da cita é o viño. Nesta edición, 41 adegas encargaranse de abastecer os postos que se localizan no paseo da Calzada.

Os principais enólogos e enólogas do país participarán no túnel de viño organizado polo Salón José Peña de Cambados, unha oportunidade para profesionais e especialistas que poderán catar 150 viños diferentes, con múltiples propostas.

A festa remata o domingo 6 cun espectáculo pirotécnico de fin de festa no paseo marítimo.

Comentarios