O Concerto das Letras Galegas evoca a faceta musical de Luísa Villalta

Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004) foi, ademais dunha grande escritora, unha recoñecida violinista. Por iso, no programa desta edición do Concerto das Letras Galegas teñen unha presenza moi destacada os violíns e os compositores favoritos da homenaxeada este 17 de maio. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; o concelleiro de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro Pardo; a irmá de Luísa, Susana Villalta, e o director do Grupo Instrumental Siglo XX, Florian Vlashi, presentaron esta quinta feira o programa da décimo cuarta edición que busca, en palabras da presidenta, “unir literatura e música, dous fíos que están na propia biografía e actividade cultural de Luísa”. 
Florian Vlashi, Gonzalo Castro, Rosario Álvarez e María e Susana Villalta na presentación desta quinta feira, 25 de abril.
photo_camera Florian Vlashi, Gonzalo Castro, Rosario Álvarez e María e Susana Villalta na presentación desta quinta feira, 25 de abril.

Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004) foi, ademais dunha grande escritora, unha recoñecida violinista. Por iso, no programa desta edición do Concerto das Letras Galegas teñen unha presenza moi destacada os violíns e os compositores favoritos da homenaxeada este 17 de maio.

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; o concelleiro de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro Pardo; a irmá de Luísa, Susana Villalta, e o director do Grupo Instrumental Siglo XX, Florian Vlashi, presentaron onte o programa da 14ª edición que busca, en palabras da presidenta, "unir literatura e música, dous fíos que están na propia biografía e actividade cultural de Luísa". O concerto celebrarase na Coruña, cidade natal da homenaxeada (Teatro Colón, 20.30 horas), o 16 de maio, véspera do Día das Letras Galegas.

A peza principal do concerto -que se emitirá en directo no web do CCG e no prime time da TVG2 o día 17 de maio- é unha ópera de cámara titulada Concerto para un home só, baseada na obra homónima da escritora que conta coa participación de Xosé Barato. É a encarga que o CCG realiza a un compositor galego sobre unha obra da figura elixida para conmemorar o Día das Letras Galegas. No caso de Villalta, a encarga recaeu no coruñés Federico Mosquera (A Coruña, 1986).

As dúas obras que conforman a primeira parte do programa están relacionadas co texto Concerto para un home só: o Concerto grosso op. 3 nº 11 de Vivaldi aparece mencionado de xeito expreso no texto de Villalta e a Partitura nº 2 en re menor de Bach é o tema principal do segundo traballo do programa, Bachian reflex de Edmond Buharaja, que tamén é unha estrea absoluta. Esta peza de Bach era unha das favoritas de Luísa, que sempre a tocaba co violín que a citou nos seus textos. 

 

O Concerto das Letras

É a terceira vez que o Concerto das Letras Galegas se celebrará na Coruña, cidade que acolleu en 2016 a homenaxe a Manuel María a cargo de Milladoiro e en 2023 a de Francisco Fernández del Riego, coa Real Filharmonía da Galiza. Esta proposta deseñada polo CCG comezou en 2011 en Santiago de Compostela, cunha edición en que se recuperaba a figura de Lois Pereiro. Repetiu nesta cidade en 2013 con Roberto Vidal Bolaño e en 2019 con Antonio Fraguas.

En Pontevedra celebráronse tres edicións: a primeira en 2012 para lembrar Valentín Paz-Andrade, a segunda en 2015 en homenaxe a Filgueira Valverde e a última en 2018 coa conmemoración de María Victoria Moreno. O concerto tivo lugar en Lugo no ano 2014 cunha proposta sobre Díaz Castro e os poetas lucenses e en Ourense en 2017 coa homenaxe á figura de Carlos Casares. A décima edición íase celebrar en Ferrol, pero a pandemia obrigou a mudar os plans iniciais e o concerto emitiuse en directo en streaming desde o Auditorio de Santiago de Compostela. A edición de 2021 levouse a cabo en Vigo, en homenaxe a Xela Arias, e a de 2022 tivo lugar no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, con Florencio Delgado Gurriarán como protagonista.

Comentarios