Numerosos actos decorrerán a vindeira semana por toda a Galiza para celebrar o 100 aniversario do nacemento da actriz coruñesa María Casares.
O vindeiro 21 de novembro, día da súa nacenza en 1922, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda organizará no seu local da Coruña a montaxe teatral Mi querida Vitola, arredor da figura da artistas, a cargo do Club de Teatro da biblioteca municipal Sagrada Familia.
O espectáculo dramático estará dividido en tres partes, que abordarán algúns dos fitos vitais e profesionais máis relevantes de Casares, tanto na Galiza como nos seus anos no exilio.
Mostras e conferencias
Tamén desde o día 21, a Biblioteca da Galiza na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela acollerá a exposición María Casares, a conquista da existencia, comisariada por Patricia Babío e Carina Fernández e que estará aberta ao público até o vindeiro 27 de xaneiro.
O 22 de novembro remata no Museo de Belas Artes da Coruña o ciclo de conferencias María Casares. Do exilio ao escenario, activo desde o pasado mes de febreiro.
A Filmoteca da Galiza proxectará ese mesmo día Os nenos do paraíso, o filme co que Casares debutou no mundo do cinema. Outras longametraxes que se poderán ver son Orfeo, Guernica ou O testamento de Orfeo.
Por outra parte, o Teatro Pastor Díaz de Viveiro (26 de novembro), e o Teatro Principal de Ourense (11 de decembro), acollerán dous novos pases da obra Continente María, dirixida por Tito Asorei.
A camelia María Casares
Tamén o día 22, a Deputación de Pontevedra organizará un acto no castelo de Soutomaior para plantar a camelia María Casares no Xardín de Camelias con Nome de Muller.