O festival Xironsa deixa de realizarse por falta de apoios

A Asociación Cultural Xironsa lamenta a "nula implicación" da Xunta da Galiza.
Imaxe do festival na edición de 2021. (Foto: Asociación Xironsa)
photo_camera Imaxe do festival na edición de 2021. (Foto: Asociación Xironsa)

O Festival Xironsa de Cambados (comarca do Salnés) desaparece da axenda. A asociación cultural Xironsa, organizadora do encontro, vén de facer público un comunicado no que dá a coñecer a súa renuncia a continuar celebrando o festival pola falta de apoio económico das Administracións. 

O comunicado admite que "non é unha nova doada de dar xa que desde a asociación cultural Xironsa cremos firmemente no proxecto, no modelo e na necesidade de espazos nos que pór en valor o tecido músico-escenario galego".

“Este era o fundamento do noso Festival, pór a disposición da música en galego un escaparate digno con medidas de calidade”, afirman desde a asociación que, cansos de traballar sen apenas axudas, tiran a toalla. 

Xironsa declara, a seguir, que organizar un evento desta natureza desde unha asociación sen ánimo de lucro volveuse moi complicado porque "a falta de confianza nestes colectivos e a súa posta en valor por parte das Administracións é moi evidente", e pon como exemplo a "nula implicación da Xunta: 30.000 euros é a dotación orzamentaria para as axudas a festivais sen ánimo de lucro para toda a Galiza, mentres un só festival leva máis de 2.500.000 euros en axuda directa". 

A asociación tamén lamenta a falta de compromiso e de “aprecio” da Administración local cara o festival. “Nunca aireamos estes problemas e non o queremos facer hoxe, simplemente os pomos enriba da mesa como exemplos do desgaste do noso colectivo”, afirman.

Festivais empresariais

A asociación admite que o modelo de festivais empresariais é necesario, "pero non a costa de eliminar festivais organizados por asociacións de base", di. "Chega con mirar os cartaces dos festivais sen ánimo de lucro para darse conta do necesarios que son para a industria musical galega", apuntan.

A asociación despídese agradecendo "á pequena industria, comercio e hostalaría de Cambados" a súa axuda económica, e aos "veciños que colaboraron co festival e soportaron as molestias que puido causar este evento, así como dos artistas que pasaron polo escenario". 

Comentarios