Lindsay Semel, tradutora e editora: "A audacia, irreverencia e tenrura de Méndez Ferrín chamaron moito a miña atención"

Lindsay Semel (Nova York, 1991) é a autora gañadora da IV edición da Residencia Xacobeo. Así, será a encargada de traducir ao inglés a novela No ventre do silencio, de Xosé Luís Méndez Ferrín. 
Lindsay Semel é tradutora e editora. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Lindsay Semel é tradutora e editora. (Foto: Nós Diario)

Que lle chamou a atención á hora de ler a obra de Xosé Luís Méndez Ferrín?

Comecei a ler as súas obras o verán pasado grazas á recomendación dun amigo. A súa audacia, irreverencia e tenrura chamaron moito a miña atención. Atopo as súas imaxes moi evocadoras e os seus personaxes resoan moito en min. Creo que é un artesán moi coidadoso e que as súas historias están perfectamente construídas. Por suposto, as súas obras tamén son profundamente políticas, mais sinto que en ningún momento perde de vista a humanidade e que, de feito, esta sempre ten prioridade. É un equilibrio moi delicado, tanto na literatura como na vida, mais sempre o logra. 

Cales son as dificultades no que respecta á tradución á lingua inglesa?

Moitas. As obras de Méndez Ferrín están profundamente arraigadas nas particularidades do lugar onde ocorren. Emprega dialectos e formas lingüísticas non normativas, sempre cunha intención e significado, xa que a selección dunha ou doutra determina a connotación que lle dará á persoa que a lea. Polo tanto, en inglés, teño que buscar a maneira de conseguir o mesmo efecto. 
Por outra parte, tamén tende a empregar palabras polisémicas, facendo un xogo cos distintos significados que poden ter. En inglés é imposíbel conseguir un efecto así cunha soa palabra. 

Os nomes dos propios personaxes tamén presentan complexidades, porque moitas veces son brincadeiras ou dan información sobre a súa posición na sociedade. 

Alén destas cuestións, Ferrín tamén alude moito a obras e eventos externos ao libro, cuestións relativas á historia, filosofía, literatura música ou cinema que son descoñecidas na actualidade para persoas criadas fóra da Galiza. Evidentemente, son elementos que aportan moita riqueza e niveis de significado ás súas obras, mais non facilitan a tradución. 

Aínda así, véxoo como un desafío, non como unha barreira. O meu obxectivo é lograr un equilibrio entre facilitar información clave para que a persoa que lea a historia se sinta acollida por esta e ao mesmo tempo convidala a que investigue máis pola súa conta. 

A lectura, na súa mellor forma, emprega o que é coñecido para convidarnos a descubrir o que non o é. E no contexto anglófono xa se teñen celebrado autores como, por exemplo, Nabakov, quen tamén incorpora linguas diversas e referencias específicas nas súas obras. Creo que somos quen de facer o mesmo con Méndez Ferrín. 

Durante o mes de marzo está instalada na Residencia Literaria 1863 (A Coruña). Como está sendo a estancia?

A costa galega é un lugar onde me sinto na casa, posto que vivín máis de catro anos en Ribadeo. Aínda así, nunca estivera na Coruña e estou moi emocionada por poder vivir nun lugar con tanta abundancia de locais culturais, moitos deles moi comprometidos coa promoción de artistas galegofalantes. Yolanda Castaño, quen xestiona a residencia, é unha anfitrioa espectacular, ademais de ser unha poeta referencial nas letras galegas e unha defensora incansábel da literatura. 

Non podería estar máis agradecida por esta oportunidade: dedicarse ao traballo creativo moitas veces implica aceptar a precariedade, mais durante este mes teño un lugar cómodo para traballar e a capacidade para xestionar o tempo da maneira que me pareza máis axeitada sen preocuparme das obrigas da vida cotiá. É un agasallo moi especial e só espero que o meu traballo sexa digno del. 

Comentarios