Residencias Mariñán: a creación posta ao servizo da comunidade

A segunda edición das Residencias Artísticas Mariñán, organizadas pola área de Cultura da Deputación da Coruña, rematou onte deixando ver a necesidade do apoio a unha creación que ten como horizonte a reconstrución do común desde unha reapropiación da ética. 
 
Foto de familia das persoas participantes na segunda edición das residencias Mariñán.
photo_camera Foto de familia das persoas participantes na segunda edición das residencias Mariñán.

A conversa comeza cunha brincadeira: se cadra, o presidente do goberno español, Pedro Sánchez, está de residencia no Pazo de Mariñán. Se necesita reflexionar, non vai atopar moitos lugares mellores para facelo. Pero a brincadeira, claro, oculta unha realidade: a necesidade que ten cada vez máis xente de pararse e reflexionar sobre o que facemos, sobre o mundo que nos rodea e sobre como desenvolverse nel sen que a precipitación e a velocidade da sociedade contemporánea nos transforme en autómatas co único horizonte de producir.

"Con todo o que está pasando, todos necesitamos pararnos a pensar como seres humanos", di Roberto Abuín. "En realidade, o de Sánchez é algo moi sintomático. Vivimos nun mundo onde a violencia se está intensificando por todas as partes. Violencias explícitas pero tamén implícitas, e iso hai que atribuílo á velocidade coa que vivimos. E de aí esa necesidade de parar, pensar e volver a referentes intelectuais, artísticos, filosófico e morais que nos axuden a situarnos. Como dicía Max Scheler, precisamos volver atopar o lugar do ser humano no cosmos".

Abuín acaba de saír do acto de clausura da segunda edición das Residencias Artísticas Mariñán, organizadas pola área de Cultura da Deputación da Coruña, nas que exerce como comisario da categoría de Literatura e Pensamento, nas que desenvolveron os seus proxectos Francisco Rodríguez Casal, Esperanza Mariño Davila e Laura Martínez Mateo e Carmen Marina Vidal Valiña. Todas elas compartiron  residencia coas artistas escollidas na categoría de Música: Su Garrido Pombo, Cantometrics, Chumba e o proxecto aTorna. 

"O certo é que o día a día nos atropela e a realidade do sector artístico, especialmente o da música, esta terribelmente precarizado", engade Aitana Cuétara, comisaria da categoría musical. "E desta forma, acabamos nunha tesitura moi clasista, porque só poden dedicar este tempo de pensar, reflexionar e crear, aquelas persoas que teñen as súas necesidades materiais satisfeitas. Por iso é realmente necesario fomentar estes espazos para a reflexión, para poder parar a pensar que é o que queremos facer".

 

A necesidade de reivindicar o común

Esa reflexión non leva necesariamente ao illamento absoluto. Ao contrario, a cohabitación propicia tamén que se ensanchen as miradas das persoas que desenvolven os seus proxectos, e que se xere un sentido de comunidade que, en certo sentido, opera contra o individualismo da sociedade capitalista actual.

 "Créase unha convivencia moi interesante na que, ademais, temos como invitadas a personalidades tan interesantes como Chus Pato, Ismael Ramos, Ugía Pedreira, Carles Sala (da Fabrica de Creació Fabra i Coats de Barcelona)... xente que aconsella ás residentes desde a súa experiencia. Esa mestura de perfís dá lugar a unha conversa infinita que pertence á orde do acontecemento, que diría Badiou, un acontecemento que nos interpela a todas no común. As disciplinas de cada quen son distintas, pero a linguaxe que se emprega na conversa colectiva deixa ver unhas preocupacións de fondo que son moi semellantes en todas as participantes, e iso vai creando sinerxías e abrindo perspectivas inéditas que enriquecen o traballo. Desprégase o comunitario como unha realidade, e iso resulta importante nestes tempos".

Aitana Cuétara, fai fincapé tamén no apoio que se lles dá ás artistas para que poidan darlle unha saída ás súas creacións. "Ademais desas formacións máis conceptuais ou artísticas, tamén temos asesorías como as dos axentes culturais de aCentral Folque ou as do festival WOS, que se dirixen máis a axudar ás creadoras a introducir os seus proxectos nos circuítos profesionais de distribución, a mellorar a comunicación, a introducirse nas redes sociais... Trátase tamén de consolidar a presenza das obras neses campos máis vinculados ao mercado, para tratar de asegurar a súa viabilidade e que non queden en obras moi ben feitas que logo non atopan o público". 

"A idea é ir abrindo espazos pouco a pouco, ir creando contextos para experimentar a posibilidade do común desde o campo do institucional", declara Abuín. "A institución non está aí soamente para administrar as vidas desde un punto de vista sistémico, senón tamén para axudar a abrir as vidas a posíbeis non pensados. Esa é a clave desta convivencia".

"Habitualmente as programacións pensan na creación en forma de produto acabado", acrecenta Cuétara. "Eu entendo que desde o sector privado ten que ser así, por necesidade do negocio, pero a administración pública debe executar políticas culturais que apoien estes procesos por igual".

 

A volta á ética

A preocupación polo papel que xoga o ser humano no mundo condiciona a creación artística e, no Pazo de Mariñán, esas inquietudes afloran no medio da convivencia das creadoras.

"Eu creo que nestes proxectos que se traballaron nas residencias houbo un desexo de reapropiación do ético, de traballar máis alá do individual", afirma Abuín. "Neses momentos de reflexión colectiva, sempre pairaba a idea de volver darlle un papel á ética como algo que nos sitúa no mundo. Mais non de forma moralista, senón con carácter crítico. Se cadra, o ser humano sempre viviu nun tempo tráxico, pero hoxe a traxedia está excesivamente presente nas nosas vidas, pensa, por exemplo no que está sucedendo en Gaza. E, daquela, parece importante volver a crer en cousas cun certo romanticismo, mais non cun romanticismo inxenuo, senón cos ollos ben abertos. Xa non estamos na idade da inocencia e resulta necesario salvagardar certas cousas: salvagardar o común. Apareceu moito a idea de redención, da salvación a través do espazo comunitario".

Aitana Cuétara engade que "atopamos que existen moitas preocupacións comúns, que responden á situación social que estamos vivindo e mesmo a cuestións xeracionais. As conversas, ao final, remataban sempre nas mesmas inquietudes, en fontes de inspiración, para ben e para mal, moi semellantes. A reflexión sobre a comunidade e a súa necesidade foi, en realidade, o fío condutor destas residencias".

 

Laboratorio de proxectos con éxito

En Mariñán empezaron a desenvolverse traballos coma Quitar o aire, o último disco de  Caamaño&Ameixeiras; o proxecto Cuarteto Federal, encontro entre catro talentos do jazz: o galego Xacobe Martínez, o andaluz Javier Galiana, o catalán Guillem Arnedo e o canario Kike Perdomo; Só un solo, que lle valeu a Mario G. Cortizo o Premio Martín Códax da música; ou Iribarne, texto teatral de Esther Carrodeguas que levou a escena, con grande éxito, o Centro Dramático Nacional.

Comentarios