A Federación Galiza Cultura organiza en Ferrol unha homenaxe a Luísa Villalta

A Capela do Centro Torrente Ballester, desde as 19.30 horas do día 15, acollerá a actividade de celebración que incluirá un recital poético, unha lembranza e un concerto musical protagonizados polo mundo da cultura e polas amizades da autora.
Villalta con Isaac Díaz Pardo, nunha imaxe do Arquivo da familia.
photo_camera Villalta con Isaac Díaz Pardo, nunha imaxe do Arquivo da familia.

A Federación de asociacións culturais Galiza Cultura, coa colaboración da Sociedade Cultural Medulio, celebrará o vindeiro día 15 de maio, na Capela do Centro Torrente Ballester de Ferrol, a partir das 19.30 horas, a homenaxe de celebración popular a Luísa Villalta que neste ano 2024 protagoniza o Día das Letras Galegas, nunha actividade aberta ao público e de balde.

Baixo o título Inaugurar o tempo da Xustiza. Celebrando a Luísa Villalta, a entidade federativa que engloba a máis de 30 entidades do tecido cultural do país volve celebrar á creadora literaria e música.

De igual modo que no acto realizado na Coruña no pasado mes de marzo, quérese pór en destaque todas as súas facetas vitais: como poeta, como dramaturga, como ensaísta, como violinista e, tamén, como persoa coñecida e recoñecida por implicarse social e politicamente nun innumerábel ronsel de iniciativas cívicas e culturais que reclamaban dereitos e liberdades.

Este acto de homenaxe contará para o recital poético Luísa Villalta na voz dos poetas coa participación de Marica Campo e Xulio López Valcarce, ambos compañeiros escritores que declamarán as súas poesías e nos achegarán recitados os versos máis íntimos coa que a lembran. 

A seguir, haberá a intervención Luísa Villalta: "Eu renazo galega" de lembranza da súa figura a cargo da profesora e escritora María Pilar García Negro que nos achegará á Luísa Villalta máis intima e persoal, a activista comprometida e relacionada co tempo que lle tocou vivir e a súa implicación cos movementos sociais e políticos expresados a través da cultura e da súa obra, participante das actividades da Mesa pola Normalización Lingüística, da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (de cuxa directiva fixo parte) ou do Foro Negro da Cultura nacido despois do naufraxio do Prestige .

E logo desta intervención o programa prevé sobre o escenario o concerto do Grupo Instrumental ‘Siglo XX’ con Daniel Vlashi, violino, Florian Vlashi, violino, Luigi Mazzucato, viola, Raúl Mirás, violonchelo e Rediana Lukaiçi, violonchelo, que interpretarán In memoriam, para violonchelo solista e cuarteto de corda, de Moni Kurçi, O paseo das esfinxes”, Op.49 (Música escénica para a obra homónima de Luísa Villalta) I – II – III, de Paulino Pereiro, de 1990, e Transcrición da Suite núm. 3 para cello Op.296. Trío de corda, I Prelude, II Allemande, III Courante, IV Sarabande, V Bourrée, VI Gigue, adaptación de Paulino Pereiro de J.S. Bach de 2021.

Comentarios