Día das Letras Galegas

Marga do Val, escritora e tradutora: "Luísa Villalta escribiu para os tempos de hoxe"

A escritora Marga do Val (Vigo, 1964) coordina o número especial do 'Sermos Galiza', con motivo do Día das Letras Galegas, que acompañará 'Nós Diario' este sábado 11 de maio. 'Luísa Villalta. Devir comunidade' aglutina textos dunha ducia de autoras e autores moi próximos a Luísa Villalta.
Marga do Val. (Foto Arxina).
photo_camera A profesora Marga do Val. (Foto: Arxina).

—Quen é hoxe Luísa Villalta?
Luísa Villalta é unha escritora que se está descubrindo. Cando viviu no seu tempo coñeciámola as poetas que compartiamos vida con ela, os seus amigos e compañeiros de militancia política e cultural, as persoas que lían os seus textos, o profesorado que levou as súas obras ás aulas, nomeadamente dúas: As chaves do tempo, un libro de lectura que estaba na colección Froita do tempo, d'A Nosa Terra, e O outro lado da música, a poesía, un volume co que o profesorado de lingua e literatura galega, sobre todo, traballou moitísimo para comentar poemas de Manuel Antonio, de Blanco Amor, de Rosalía de Castro, de Curros... Foi este un libro sobre o que propia Luísa impartiu numerosas charlas, un libro que axiña se espallou entre o profesorado.

Luísa foi unha persoa moi valorada no seu tempo, mais hoxe tamén unha escritora que persoas daquela altura están lendo por primeira vez, por iso era importante que toda a súa obra chegase ao público de novo.

—Como está a chegar ao público a obra revisada e reeditada de Luísa Villalta?
Aínda que tardase, a súa obra volve estes días á rúa e estase a divulgar. Luísa Villalta é unha escritora moi completa. Eu sempre digo que se falamos de Otero Pedraio como o polígrafo de Trasalba, podemos falar de Luísa Villalta como a polígrafa da cidade alta, da cidade da Coruña. Escribiu teatro, poesía, ensaio, narrativa. É unha escritora que escribiu para os tempos de hoxe, que escribiu para nós.

É unha autora pola que o tempo pasa moi ben. Pasa moi ben o tempo pola súa poesía. Hoxe non se pensa moito na métrica á hora de escribir, pero nos 80 e primeiros 90 era un momento no que se escribían moitos sonetos. Villalta estaba nesa actualidade, canda a Xavier R. Baixeras, Marica Campo, Miro Villar ou Millán Picouto, na que a literatura galega se poñía á par de todas as literaturas romances que prestaban especial atención á métrica.

—Pero transitou outros xéneros literarios e artísticos.
Tocounos todos. E estivo coa cultura portuguesa. É a primeira autora que publica Edições Tema: Rota o interior do ollo, un libro de cinco poemas que vai converter nun caligrama, para min o máis fermoso da literatura galega, e que rematará nunha exposición de Burla Negra que se chamaba Botella ao mar e tamén nese proxecto iniciado en Suíza por tres creadoras, que percorreu 25 países, denominado Flying Carpet. Luísa estaba de total actualidade, dialogando cos movementos que había: o movemento feminista, o de Nunca Máis, e non só como autora, senón como activista, membro da AELG, do Foro da Cultura Galega.

Foi ensaísta e ensinante, de feito creo que é esta profesión a que propicia que Luísa escriba O Don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral ou O outro lado da música, a poesía, porque se deu conta da necesidade de estabelecer un diálogo co alumnado e de falar de temas universais.

Luísa participou da renovación do teatro galego, como expresión artística e como arma de dinamización lingüística, de normalización e prestixio para a nosa literatura. Luísa é unha autora que serve para que pensemos e recapacitemos na situación da nosa literatura naquela altura e nos seus medios de difusión e de chegar ao público. Isto é o que fixo e o que todo o mundo está a descubrir. 

—Que vai encontrar o público lector nas páxinas neste Sermos Galiza titulado 'Luísa Villalta. Devir comunidade'?
Unha gran polifonía de voces falando de Luísa. Desde Sermos Galiza o que fixemos foi ter presentes persoas que acompañaron a vida de Luísa, os anacos do seu interior mais tamén a súa escrita, para que nos explicasen a autora daquel tempo sen perder a perspectiva de como comezou. Todas as que están fan parte da comunidade Villalta, aínda que hai moitas máis, por suposto. 

—Quen figura na escolma final?
Está María Pilar García Negro, en representación de Galiza Cultura. A Federación de Asociacións Culturais Galegas foi a primeira en organizar un acto de homenaxe a Villalta cando se fixeron os 20 anos do seu falecemento. As profesoras Carme Fernández Pérez-Sanjulián e Alexandrina Fernández Otero, quen reuniu e publicou con Lino Braxe a obra teatral completa de Luísa. Marica Campo, a poeta, quen participou canda Villalta, Xela Arias e Pilar Pallarés no primeiro recital de voces unicamente femininas a finais dos 80 e quen a acompañou na escrita de principio a fin.

Xosé María Álvarez Cáccamo, compañeiro no Foro da Cultura e na AELG. Ana Pillado, artista multidisciplinar e profesora de lingua e literatura española, fundamental para trasladarnos a importancia de Luísa como creadora. Francisco Fernández Naval, quen ofrece unha visión da narrativa de Luísa e foi parte da escrita de Papagaio, xunto a Maribel Longueira. Marta Dacosta, ensinante, muller e compañeira da AELG. Paulino Pereiro, compañeiro de vida e relator do coñecemento musical de Luísa ao servizo da poesía e de toda a súa creación. María Casar, a primeira en crear un roteiro de Villalta na Coruña. E Teresa Seara, crítica que se ocupou, en vida das recensións da obra de Luísa. 

Unidas por Hildegard von Bingen

'Devir comunidade', o caderno especial das letras que este sábado, 11 de maio, chegará aos quiosques xunto a Nós Diario, quere ser, ademais, unha homenaxe á cultura de base da que Marga do Val fai parte e da que no seu día tamén participou Luísa Villalta.

A case 2.000 km de distancia, o vínculo entre Marga do Val e Luísa Villalta fíxose máis forte. "Cando vivía en Alemaña e ás catro da tarde xa era noite, o teléfono salvoume moitas veces". Falaron moito, lembra: "Pero se hai un vínculo especial entre Luísa e mais eu é Hildegard von Bingen, unha figura que ela admiraba e que eu coñecía moi ben".

No seu día planearon unha viaxe polas terras de Hildegard que ficou en desexo, como o intercambio de columnas, a modo de diálogo, no espazo 'De fin de semana' d'A Nosa Terra. "Hildegard von Bingen era unha muller medieval sabia, música e escritora. Moitas veces penso que Luísa foi unha representación de Hildegard na literatura galega e no momento en que viviu".

Comentarios