A memoria das mulleres emigradas, a batalla de Porto de Bois e o estudio de arquitectura MRM protagonizan o ‘Sermos Galiza’

Podes atopar o semanario 'Sermos Galiza' este sábado, 23 de marzo, acompañando o xornal 'Nós Diario'. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Ademais, este sábado agasallamos o caderno 'Situación e oportunidades da economía galega', que recompila as achegas de doce autores e autoras especializados en diferentes áreas económicas do país.

collage-sermos-galiza
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas este 23 de marzo un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana.

Aljubarrota é un símbolo da liberdade de Portugal. De maneira análoga, catorce anos antes de Aljubarrota, prodúcese na Galiza, en Porto de Bois, unha batalla que significou un ponto de inflexión para o futuro do Reino, un feito que conmemoraron desde a asociación Artábria de Ferrol no mesmo campo de batalla. Marcos Abalde escribe en De Porto de Bois à Aljubarrota. Símbolos da liberdade da Galiza e Portugal sobre estes dous acontecementos e a súa importancia.

“Catorze anos antes de Aljubarrota, na Galiza produze-se uma batalha que significou um ponto de inflexom para o futuro do Reino. Francisco Rodríguez analisou nas mais de mil páginas do seu apaixonante ensaio Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza (AS-PG) as causas e as consequências de Porto de Bois (1371), onde a classe dirigente galega liderada por Fernando de Castro sofreu uma dramática derrota. Por primeira vez, a nobreza castelhana implanta-se na Galiza. Assentam-se num país conquistado pola força das armas com uma atitude despótica e dominadora”.

Patricia Ares, memoria da emigración

"Unha máxica transferencia interxeracional. Así vivo a recuperación da miña bisavoa Andrea López Chao, unha mestra emigrada desde Mondoñedo a Cuba nos primeiros anos do século XX. Tardei en comprender o seu inmenso labor pioneiro no traballo educativo e sociosanitario, nas súa ideas de vangarda, na reivindicación feminista". Así narra a psicóloga cubana Patricia Ares Muzio (A Habana, 1953) a recuperación en anos recentes, tanto en Cuba como na Galiza, da figura da mestra galego-cubana pioneira na sanidade e na instrución pública que sacou da indixencia e a explotación tantas mulleres emigradas a Cuba. Violeta Ramos, que a acompañou na súa recente estadía no país, prepara para os próximos meses o documental O poder de Educar: Andrea López Chao.

Xan Carballa entrevista neste número a Patricia Ares. “Sempre digo que é o misterio que me acompaña. Cando eu era cativa sabía que tiña unha bisavoa galega que emigrara a Cuba. O meu pai era psiquiatra e gustaba da historiografía familiar e na casa había álbums de fotos con imaxes de Andrea, soa ou co alumnado do plantel Concepción Arenal. Sabía que non era unha bisavoa calquera, aínda que non a coñecín porque eu apenas tiña un ano cando faleceu”.

MRM, facer sinxelo o complexo

Iago Valverde achéganos ao estudio de arquitectura MRM, que  depura os proxectos até alcanzar a forma máis sinxela que soluciona as necesidades máis complexas”.

Os socios do estudio de arquitectura MRM traballan a 500 km uns dos outros. Por unha banda, Mamen Escorihuela atópase en Compostela e, pola outra, Miguel Alonso Flamarique e Roberto Erviti en Iruña, en Nafarroa. Deste xeito, a súa obra abrangue o norte da península, cun foco galego e outro navarro. Este modo de relacionarse globalizado (no bo sentido do termo) acompáñaos desde o comezo.

Os tres estudaron na universidade de Nafarroa aínda que sería Barcelona quen os uniría. Miguel e Roberto comezaron a traballar nesa cidade, mentres que Mamen estaba de bolseira no estudio OMA dos Países Baixos, un dos máis prestixiosos do mundo. Finalizada a bolsa, ela comeza o doutoramento en Barcelona, onde se reencontra cos seus antigos compañeiros e comezan a colaborar, até que en 2005 fundan MRM (siglas dos seus nomes). Miguel e Roberto, ambos navarros, abren a sede en Pamplona. Mamen, aínda que de orixe aragonesa, abre a sede galega, ao trasladarse a Compostela coa súa parella.

Literatura, música, cinema... e máis!

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Inma Otero achégannos as novidades no sector literario, a comezar por Galiza e o decolionalismo, de varios autores; e Sonora, de Chus Pato (Xerais, 2023)

No apartado musical, Fernando Montenegro analiza o disco Estrellero (Sunnyside, 2023), e achegamos tamén outras novidades. Pola súa parte, Davir Regueiro fálanos de músico Sylvain Luc, un dos guitarristas de jazz máis orixinais e eclécticos da historia, faleceu o pasado 13 de marzo

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Radical (Cristopher Zalla, México), así como outros títulos de estrea e clásicos da gran pantalla. E Branca Nonoveyra achéganos unha escola mínima de María Mariño. Anxo Fole tráenos a cocina máis acaída para a primavera.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado, 22 de marzo, acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios