O xeógrafo e profesor da Universidade de Santiago, Pegerto Saavedra, mais a escritora Fina Casalderrey serán as primeiras entradas con actos oficiais presididos polo presidente da RAG, Xesús Alonso Montero. Malia seren escollidos en tempo de Xosé Luís Méndez Ferrín, só agora é que tanto o xeógrafo como a escritora teñen xa marcadas datas para a súa incorporación como membros numerarios da institución.
Pegerto Saavedra tomará posesión do seu lugar na Academia despois de que o sábado dea lectura ao seu discurso titulado “Demarcacións, topónimos, papeis, memoria. “Sobre a división e control do territorio na Galicia moderna”, intervención que, como é protocolario, será respondida polo xa académico Ramón Vilares no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela.
Pola súa parte, a escritora Fina Casalderrey, formalizará o seu ingreso na Academia o próximo 22 de novembro, ás 19 horas no Teatro Principal da súa cidade, Pontevedra.
Se na escolla de Alonso Montero como presidente a Academia mostrábase partida ao medio de maneira que só na segunda votación a balanza se inclinou cara a súa banda, as dúas incorporacións danlle algo máis de folgos á nova dirección da institución xa que foron apoiadas por membros da súa candidatura ou do seu grupo de apoio.