O PlayDoc de Tui chega á súa vixésima edición

O festival internacional de cinema con sede en Tui, celebrará unha longa traxectoria que se destaca por presentar primeiras retrospectivas dedicadas a aclamados cineastas e directores de culto.
Un fotograma de 'Lavadoiro', de Ana Amado e Lois Patiño.
photo_camera Un fotograma de 'Lavadoiro', de Ana Amado e Lois Patiño.

Do 1 ao 5 de maio, Play-Doc, o festival internacional de cinema con sede en Tui, celebrará unha longa traxectoria que se destaca por presentar primeiras retrospectivas dedicadas a aclamados cineastas e directores de culto. Pero tamén, e moi especialmente, polo redescubrimento de filmografías esquecidas, ignoradas ou que até o de agora permaneceron descoñecidas na historia do cinema universal.

Esta edición aniversario destaca pola participación de recoñecidos e celebrados cineastas cuxas obras se caracterizaron pola permanente procura estética e o risco formal: desde o traballo póstumo de Jean-Luc Godard ao máis recente filme do prolífico realizador brasileiro Júlio Bressane –que se verá en estrea europea–, pasando polas novas obras de veteranos investigadores da linguaxe cinematográfica como Paul Vecchiali, Jean-Claude Rousseau, Jerome Hiler, Enrico Ghezzi, Alessandro Gagliardo e a dupla que integran Yervant Gianikian e Angela Ricci Lucchi, a competición internacional desta edición será, á vez, unha celebración de cineastas que, ao longo das súas carreiras, xamais deixaron de lado o seu interese pola experimentación audiovisual.

 

Cinema galego

A tradicional sección competitiva galega propón un percorrido caracterizado pola diversidade de propostas, tanto no formal como no temático. A través dos seus trece títulos, entre longametraxes e curtametraxes, o programa tenta tender pontes entre a memoria histórica e o presente, a través de temáticas insoslaiábeis como os lazos familiares, a narración oral, a ecoloxía e as historias de inmigración e emigración. A conexión coas orixes faise presente na maioría dos filmes seleccionados, que buscan reforzar os lazos co pasado a través de historias, mitos e supersticións, coa familia como protagonista de moitos deles.

Entre as películas que poñen o eixo na memoria histórica e familiar, están 12 de Maio 1937, de Mar Caldas, que lembra a un concelleiro socialista fusilado durante a Guerra Civil; En O auto dás animas, de Pablo Lagos Dantas, na que unha familia reúnese despois de moito tempo para revisar a súa historia; Os espazos en branco, de Bruno Arias, segue ao director no seu intento de lembrar a unha tía influente na súa vida; Queimar cando morra, de Inés Pintor, examina o rol da muller a través de obxectos do armario da súa avoa e Segunda II, de Anita Pico, que narra a historia dunha matriarca do pobo de Couso.

O pasado cobra vida no presente en Aurora, de Area Erina, que se apoia na conversación entre mulleres de diferentes xeracións; Corre o vento, de Paula Fuentes e Guillermo Cabrera, que segue a unha muller que desencadea unha transformación no pobo do seu avó; Pechar caixas abrir caixas, de Hugo Amoedo, é unha reflexión sobre o retorno á Galiza, mentres que Viaxar aos teus recordos é buscar pelexa, de Daniel Pérez Silva, explora o concepto de nostalxia.

Un camiño máis experimental ou próximo ao ensaio fílmico percorren os dous films de Xacio BañoNon che vexo e Platónico, platónica, que traballan, respectivamente, sobre as imaxes descartadas e a intelixencia artificial; Lavadoiro, de Anna Amado e Lois Patiño, reflexiona sobre os estes espazos de traballo doméstico e de encontro feminino, e Salvaxe, salvaxe, de Emilio Fonseca Martín, un ensaio fílmico que cuestiona a relación entre os humanos e a natureza.

 

Sombras

Play-Doc inclúe este ano a sección Sombras, dedicada a recuperar o traballo de cineastas galegos clásicos cuxa traxectoria non foi suficientemente difundida. Comeza coa figura de Tony Román, que dirixiu filmes emblemáticos dos anos 40 e 50, pero que na súa primeira etapa se caracterizou por un interesante enfoque máis vangardista e experimental que amosou unha clara influencia dalgúns grandes mestres do cine como Eisenstein, Ruttmann e Flaherty. Poderan verse filmes como Cidade encantada (1936).

Tamén se poderá revisar o clásico do cine galego O carro e o home, un documental etnográfico rodado en 1940 na Galiza, que se centra na vida rural galega e en particular no traballo cos carros.

A segunda sesión ten unha proposta máis especial dedicada exclusivamente ao Canto de emigración (1935). Inspirada nun debuxo de Castelao, é unha película desaparecida da que só quedan varias fotografías, un esquema do guión e a partitura que o músico tudense Teódulo Premos compuxo especialmente para ela. Non son materiais suficientes para recuperar a película, pero si son suficientes para evocala. Baixo a dirección de Pepe Coira e coa colaboración da Orquestra Clásica de Vigo que interpretará en directo a música orixinal desta obra, Play-Doc ofrecerá ao público unha experiencia evocadora do que puido ser esta xoia perdida do cinema galego.

 

Retrospectivas

Ademais, a vixésima edición de Play-Doc contará cunha serie de retrospectivas, focos, restauracións e sesións especiais que se complementarán con programas competitivos e outras actividades. Nesta ocasión, ademais da anunciada homenaxe dedicada a William Friedkin, Play-Doc presentará unha ampla retrospectiva do realizador brasileiro Leon Hirszman -a primeira fóra de América Latina-, a presentación internacional das primeiras curtametraxes do británico David Gladwelle a estrea mundial da restauración de Kriegsende, da cineasta alemá Viola Stephan.

Ademais, con motivo do 50 aniversario da Revolución dos Cravos, o festival presentará unha proxección especial da emblemática As armas e o povo. Filmada entre o 25 de abril e o 1 de maio de 1974, combina as manifestacións multitudinarias cos discursos de Mário Soares e Álvaro Cunhal, a liberación dos presos políticos e as entrevistas de rúa realizadas polo cineasta brasileiro Glauber Rocha. Dirixida polo Colectivo de Traballadores da Actividade Cinematográfica, este filme supón un documento histórico de valor incalculábel, realizado en quente e sobre a marcha por varios técnicos e cineastas portugueses. Obra ineludíbel do cinema militante europeo As armas e o povo é tamén un manifesto sobre a relación entre cinema e política, non só como mero difusor dos acontecementos, senón, principalmente, como participante activo do acto revolucionario.

Comentarios