"A estrutura e a simboloxía dos contos tradicionais poden converterse en boas aliadas das persoas que se dedican á narración oral no século XXI, unha época onde se mira máis cara ao futuro que cara ao pasado".
Así se anunciaba o programa do obradoiro de narración oral que Paula Carballeira imparte de modo telematico para o Servizo de Normalización Lingúística de Vigo e que hai semanas que completou as prazas, que eran 15 as previstas inicialmente e que "se duplicaron", explica a Nós Diario Paula Carballeira.
Así, de Reinventar a tradición forman parte unha trintena de persoas "de moi diversos gremios", desde as artes escénicas, a docencia...
Para afondar no significado da e na mecánica da narración oral en pleno século XXI, para dar as chaves desta disciplina no terreo da arte escénica, o traballo coa memoria e a súa recuperación e "cuestións máis técnicas" da execución á hora de contar, matiza Paula Carballeira.
A narradora tamén destaca a necesidade de realizar este tipo de obradoiros en liña, que "sempre o fixera de modo presencial, porque a expresión da xente, a expresividade corporal, trabállase ao vivo", mais o feito de que tivese que virtualizarse a materia, "tamén deu lugar a que se anotase moitísima xente, porque non precisas vivir en Vigo ou nas proximidades para poder asistir", conclúe.
A interrupción cultural
Coa suspensión da actividade escénica na Galiza, Paula Carballeira tivo que adiar ou suspender as súas actuacións ao vivo, pois a virtualidade "penso que os programadores xa se decataron que é unha solución momentánea".
E mentres se supera o "momento", a súa faceta de narradora, na escrita, colleita éxitos como a inclusión da tradución ao castelán de Un fermoso ovo branco, nas 100 recomendacións da Fundación Cuatro Gatos ou lograr a final, promovida por Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), do premio Alma da Fundación Asrid Lindgren.