Santiago súmase á celebración dos 50 anos da Revolução dos Cravos

Conmemorando os 50 anos da "Revolução dos Cravos" a praza de música acollerá o vindeiro día 25 de abril un acto popular aberto a toda a cidadanía para cantar colectivamente a 'Grândola Vila Morena’ de Zeca Afonso, intepretada por primeira vez polo autor no mesmo lugar en 1972.
Miriam Louzao, Natividade González e Odilo G. Carneiro.
photo_camera Miriam Louzao, Natividade González e Odilo G. Carneiro.

Conmemorando os 50 anos da Revolução dos Cravos a praza de música acollerá o vindeiro día 25 de abril, ás 18.30 horas, un acto popular aberto a toda a cidadanía para cantar colectivamente a "Grândola Vila Morena" de Zeca Afonso. A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, a deputada provincial de Cultura, Natividade González, e o presidente de AJA Galiza, Odilo G. Carnero, presidente de AJA Galiza, presentaron onte en rolda de prensa algúns dos eventos centrais que terán lugar do vindeiro 25 de abril con motivo da conmemoración do 50 aniversario da Revolución dos Caraveis.

Míriam Louzao recordou "son moitos e ben estreitos os lazos que a cidade de Compostela mantén co país veciño, así como coas creadoras e creadores da Lusofonía, e moitas as iniciativas, proxectos e redes que nos irmandan coa sociedade portuguesa" e adiantou que o Concello participará de xeito activo nas "múltiples homenaxes a esa revolución pacífica que supuxo a restauración da democracia e da que agora se cumpren 50 anos".

A concelleira convidou a toda a cidadanía a unirse ao canto colectivo da composición de Zeca Afonso "Grândola Vila Morena"que se erixiu en himno da liberdade. Míriam Louzao recordou que "a primeira interpretación pública de 'Grândola Vila Morena' tivo lugar nese mesmo espazo en 1972, nun concerto promovido polo estudantado da USC no comedor do pavillón do Burgo das Nacións".

 

50 anos de abril

A axenda continuará ás 20.30 horas no Teatro Principal co concerto 50 anos de abril que promove a Associação José Afonso en Galiza (AJA Galiza) co apoio do Concello de Santiago e da Deputación da Coruña, con entrada de balde ata completar a capacidade do Teatro.

O concerto achegará o repertorio musical de Zeca Afonso desde diferentes estilos a través das versións que farán o dúo compostelán Dara e Manuel, o dúo luso-brasileiro Couple Coffee conformado por Luanda Cozetti e Norton Daiello e o trío conformado por Nacho Muñoz, Faia e Lar Legido. 

Comentarios