O Breogán volverá contar con Ben McLemore, imputado por violación

Veljko Mršic, técnico celeste, confirma que xogará.
O escolta estadounidense ten 31 anos de idade. (Foto: AFP7 / Europa Press).
photo_camera O escolta estadounidense ten 31 anos de idade. (Foto: AFP7 / Europa Press).

A Liga ACB, a máxima categoría do baloncesto masculino estatal, encara esta semana a xornada 30 das 34 que conforman unha competición na que ambos os representantes da Galiza (Monbus Obradoiro e Leite Río Breogán) están inmersos xunto con Covirán Granada e Zunder Palencia na pelexa pola salvación.

Nesta ocasión a escuadra capitalina visitará o fogar do Surne Bilbao Basket (domingo, 17 horas), mentres que a lucense recibirá no Pazo Provincial dos Deportes a Dreamland Gran Canaria (sábado, 18 horas).

Alí, un dos homes que vestirá a elástica celeste será un presunto violador: Ben McLemore. Hai pouco máis dunha semana o estadounidense foi detido e posteriormente posto en liberdade baixo fianza de medio millón de dólares por, segundo as autoridades de Portland (Oregón), cometer unha violación en primeiro grao e outros seis delitos sexuais durante o seu período como xogador dos Trail Blazers da NBA, na tempada 2020/21.

De regreso á Galiza, e lonxe de entregarlle a carta de despedimento ou  apartalo da dinámica do grupo, o Leite Río Breogán permitiulle reincorporarse aos adestramentos a pasada terza feira e, se nada o impide, o escolta -que rexistra de media 13,7 puntos e un nove de valoración no que vai de campionato- volverá xogar o sábado fronte o Gran Canaria.

Así o confirmou o seu técnico, Veljko Mršić, nunha rolda de prensa esta quinta feira: "Está adestrando moi ben desde o seu regreso, e se todo vai ben nestas dúas últimas sesións, irá convocado ao partido".

Despois, o croata eludiu facer valoración algunha sobre as acusacións, e o Breogán tampouco volveu pronunciarse sobre a situación desde o comunicado emitido logo da detención de Ben McLemore.

Comentarios