Yeremay estende a súa vinculación co Dépor até o 2030

O club branquiazul non quixo facer pública a cantidade á que ascende a nova cláusula de rescisión.
A última renovación do astro canario databa de agosto de 2023. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera A última renovación do astro canario databa de agosto de 2023. (Foto: RC Deportivo).

Unha das perlas do Dépor, Yeremay Hernández, continuará defendendo as súas cores até o ano 2030. Así o confirmou o  secretario técnico branquiazul, Fernando Soriano, nunha rolda de prensa convocada por sorpresa esta quinta feira, pois orixinalmente estaba previsto que comparecese ante os medios de comunicación Rubén López.

Despois de proxectar un vídeo no que o futbolista canario explicaba que o conxunto herculino forma "parte da súa vida", este sinalou mirando a cámara que desexaba "renovar" até 2030 para "seguir aprendendo a ser mellor futbolista e persoa, e vivir cousas moi bonitas co deportivismo".

Inmediatamente despois tomou a palabra Soriano, que non ocultou o "orgullo" por poder anunciar a extensión da vinculación cun Yeremay ao que desexou "o mellor". "Este movemento é unha aposta firme da dirección que leva o club nestes momentos, a do compromiso coa xente saída de Abegondo", dixo en referencia a un home que chegou á canteira deportivista logo de formarse na base da Unión Deportiva As Palmas (dos 8 aos 12 anos) e posteriormente na 'Fábrica' do Real Madrid  (dos 13 os 15), desde onde chegou ao Dépor.

O seu rendemento levouno a ir medrando nas distintas categorías inferiores do actual líder do Grupo '1' da Primeira Federación até o seu debut oficial co primeiro equipo nun encontro copeiro en decembro de 2021, a apenas unha semana vista de celebrar o seu 19 aniversario.

Paralelamente foi acumulando extensións de contrato, como as que asinou en 2018, 2021 e unha última en agosto de 2023, na que se elevou a súa cláusula de rescisión até os 10 millóns de euros e a súa duración até 2026.

Agora o habilidoso extremo será branquiazul até 2030, mais Fernando Soriano non quixo revelar a nova cantidade até a que se eleva unha cláusula que "é confidencial, pero alta".

Moi feliz, Yeremay, nunhas declaracións que lembran a aquelas dun exultante Míchel despois de anotar un hat-trick a Corea do Sur no Mundial de Italia '90 ("Merézcomo!"), afirmou que "todo o bo" que lle está a pasar gañouno el, sen que ninguén lle "regalase nada". "Tiven que facer moitos cambios na miña vida e tamén no meu fútbol para que todo isto acontecese, traballei para iso", engadiu un home que tamén tivo palabras de agradecemento para a súa familia, que sempre o "axudou" para saír adiante no Polvorín, un dos barrios máis duros das Palmas.

Comentarios