O ex primeiro ministro Costa será "probabelmente" o novo líder do Consello Europeo segundo o presidente luso

Desbotadas as acusacións que acabaron co Goberno do PS.
Marcelo Rebelo de Sousa (dereita), presidente portugués, a terza feira. (Foto: Presidência da República de Portugal)
photo_camera Marcelo Rebelo de Sousa (dereita), presidente portugués, a terza feira. (Foto: Presidência da República de Portugal)

En alusión ao ex primeiro ministro luso António Costa (Partido Socialista, PS), o presidente do país, Marcelo Rebelo de Sousa (Partido Social Democrata, PSD), sostivo que “comeza a ser máis probábel que haxa un portugués no Consello Europeo”, recolleron a quinta feira medios internacionais.

O Consello é unha institución da Unión Europea (UE) conformada polas e polos líderes dos Estados membros, a Presidencia da Comisión Europea e a Presidencia do organismo, que actualmente ocupa o belga Charles Michel.

Unha posibilidade obstaculizada pola Xustiza

As conxecturas sobre a posibilidade de que o ex primeiro ministro substituíse Michel freáronse pola operación anticorrupción lanzada pola Fiscalía, que afectou entre outras persoas o daquela xefe do Gabinete, Vitor Escária, e na que Costa figuraba como investigado. Isto levou á súa dimisión e a convocatoria de eleccións anticipadas, que resultaron no actual Goberno conservador de Luís Montenegro (PSD).

Porén, pouco antes das declaracións de Rebelo de Sousa, o Tribunal da Relação de Lisboa concluíu arredor da suposta trama que “ningún dos feitos presentados derivou na comisión de delitos no desenvolvemento das funcións de cada un dos participantes”, anulando as medidas preventivas impostas a Escária e Diogo Lacerda Machado, consultor e amigo de Costa.

"Meras especulacións"

Amais, a corte resolveu que non hai ningunha proba de que Costa estivera implicado no “plan criminal” que denunciou o Ministério Público, que sentenciou que é “un conxunto de meras especulacións”.

Tamén incidiu en que non existe no país unha lexislación sobre lobbys, o que “evitaría moitas situacións confusas como algunhas das que foron atopadas nos autos”.

Comentarios