Patricia Arias Chachero e Antón Mascato: "Desvendamos os nomes de quen foron os asasinos de Ánxel Casal"

Patricia Arias Chachero e Antón Mascato asinan unha edición conmemorativa do Día Internacional do Libro dedicada a Ánxel Casal, "o grande editor en lingua galega". 
Antón Mascato e Patricia Arias Chachero. (Foto: Nós Diario)).
photo_camera Antón Mascato e Patricia Arias Chachero. (Foto: Nós Diario)).

'Anxel Casal, memoria de Nós' é o nome do caderno de 16 páxinas que acompañará o xornal Nós Diario o próximo 23 de abril, unha data que habitualmente xira arredor de dúas grandes figuras da literatura universal: Shakespeare e Cervantes, lembra o escritor e editor Antón Mascato en conversa con este xornal, "pero nós, como galegos, temos todo o dereito a ver o mundo desde os nosos ollos. Podemos explicar o libro, a edición, a lectura e os dereitos de autor desde a realidade propia".

Casal, "o gran facedor do libro galego", revelouse aquí como a figura a reivindicar. Casal é un dos fundadores das Irmandades da Fala, un dos primeiros no Seminario de Estudos Galegos. É impresor e editor da revista Nós e do semanario A Nosa Terra, fundador da editorial Lar e da editorial Nós, creador e difusor das Escolas de Insiño Galego, divulgador e actor das primeiras tentativas de termos un teatro galego. Mais tamén é fundador da Organización Republicana Galega Autónoma (ORGA), fundador do Partido Galeguista, candidato e alcalde de Santiago nas eleccións do 36, membro da redacción do Estatuto de Autonomía.

"Como dicía Castelao, Casal fixo máis por Galiza que todos nós", resume Mascato para deterse na súa relación co libro. "No mundo editorial galego, até a guerra, Casal é todo". Non había outro editor que desenvolvera unha actividade cultural como a que el promoveu. "Otero Pedraio dicía que Casal era o que se encarga 'das nosas cousas' e enfatizaba estas palabras para referirse ás ideas culturais e de país ás que daba visibilidade a través de distintos formatos: imprimiu centos de libros e miles de folletos, catálogos e carteis".

Hoxe, afirma Mascato a este xornal, somos herdeiros da forma que Casal tiña de facer libro en galego e non só, "tamén de todo o que ten que ver cos actuais soportes que dan conta da cultura, da lingua e da política propias do país. E aí está o exemplo do Nós Diario, cuxa cabeceira enlaza coa tradición cultural da Galiza".

Quen matou a Casal?

Mascato aborda xunto á docente e investigadora Patricia Arias Chachero a contribución de Casal á industria editorial do país, un legado en parte espoliado após o seu asasinato en Cacheiras, Teo (comarca de Compostela) o 19 de agosto de 1936. Xuntos achegan "algunhas suposicións" á morte de Casal, "á súa morte física e á morte do que significaba simbolicamente todo o seu traballo cultural que ten a ver co desafiuzamento, coa poxa pública en sede xudicial das máquinas, tipografías e caixón da imprenta e da queima posterior dos libros que editara".

"Foi a través duns artigos que sacou Maruxa Mallo no ano 37 en La Vanguardia, sobre o que ela viviu na guerra, que dei co libro Galicia Mártir, onde se di o nome do asasino de Ánxel Casal". Aí comezou a investigación, explica Arias Chachero a Nós Diario. "Foi como as cereixas: tirar dunha e saíren todas". 

Os autores solicitaron documentación ao Arquivo da Galiza e ao xulgado de Compostela, de onde tiraron información abonda sobre o sucedido no 36 e nos meses posteriores ao asasinato de Casal. "Desvendamos os nomes de quen, sempre se dixo, foron os asasinos materiais de Casal, tres falanxistas cos apelidos galeguizados: Solla, Baluxa e Xerpe, aos que seguimos a pista", sinala Antón Mascato, antes de dar conta da relación completa de títulos espoliados á editorial Nós.

24 títulos e máis de 5.600 volumes espoliados

"Após a morte de Ánxel Casal movéronse moitas pezas para quedar coas súas cousas. Abriuse un proceso xudicial, entrouse na imprenta, elaborouse unha listaxe de todo o que había e requisáronse os bens, que saíron a poxa pública", lembra Patricia Arias Chachero.

A editorial Nós, na súa sede da rúa do Vilar, en Compostela, acubillaba máis de 5.600 volumes –24 títulos–, a maioría en galego, que foron parar a mans dun único licitante e aos que, segundo o recordo oral de Isaac Díaz Pardo, acabaron por prenderlles lume. "Calculamos que o valor do conxunto que se taxou era un terzo ou menos do valor real e vendeuse aínda máis barato".

A investigadora gaba a figura de Casal, o seu coidado e ritmo editorial, mais apunta cara aos detalles sobre "os que aínda andamos con pés de la". "Houbo un grupo de persoas que lle deron morte e outro grupo, coetáneo deles, que tivo a vontade de deixar proba escrita do que estaba pasando". 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios