A Xunta achegou á sanidade privada perto de 226 millóns de euros en 2022

O Consello de Contas cifrou -nun dos cinco informes de fiscalización remitidos esta segunda feira ao Parlamento galego- as achegas da Xunta da Galiza á sanidade privada en perto de 226 millóns de euros en 2022, último ano con datos. As cifras representan un incremento de 2% en relación co anterior exercicio e certifican a relevancia dos orzamentos públicos como unha das principais vías de financiamento dos centros sanitarios privados.
O Hospital de Povisa en Vigo é o máis beneficiado polos concertos da Xunta da Galiza (Foto: Europa Press).
photo_camera O Hospital de Povisa en Vigo é o máis beneficiado polos concertos da Xunta da Galiza (Foto: Europa Press).

O Goberno galego entregou á sanidade privada 225,9 millóns de euros en 2022. Segundo recolle o Informe de fiscalización da Conta Xeral do Servizo Galego de Saúde de 2022, presentada esta segunda feira polo Consello de Contas, o 61,4%  do total dos fondos están destinados a sufragar o gasto derivado da actividade realizada polos centros hospitalarios privados conforme á carteira de servizos concertada.

O 38,6% restante correspóndese con outras prestacións sanitarias de operadores privados, entre elas, aquelas derivadas do dispositivo asistencial da saúde mental, dos programas especiais de hemodiálise, dos labores de rehabilitación ou fisioterapia e do conxunto das actividades asistenciais externalizadas polo Servizo Galego de Saúde (Sergas).

A Xunta da Galiza achegou á atención especializada en concepto de concertos 138,7 millóns de euros no último exercicio fiscalizado polo Consello de Contas. A efectos contábeis, inclúense nesta partida a totalidade de prestacións incorporadas á carteira de servizos concertada entre o Sergas e os distintos centros hospitalarios privados, variando os contidos de cada un en función das capacidades asistenciais das entidades contratistas.

A maioría dos acordos recollidos nestes concertos cos grupos sanitarios privados inclúen diferentes probas diagnósticas, cirurxías ou servizos de resonancia magnética, medicina nuclear e TAC, sendo importante o número de profesionais que desenvolven a un tempo a súa actividade en centros públicos e privados.

O centro vigués de Povisa é o hospital privado máis beneficiado pola Xunta da Galiza, recibindo en 2022 a cantidade de 76,5 millóns de euros. O complexo sanitario é propiedade desde 2019 de Ribera Salud, filial española da multinacional francesa Vivalto Santé.

As relacións entre os grupos sanitarios privados e o Executivo galego están no foco da acción fiscalizadora do Consello de Contas. Así, no seu informe do ano 2022 afirma que “os contratos nacen de procedementos negociados cuxa xustificación, en particular os de cobertura xeral, non teñen amparo nun criterio de natureza contractual que conclúa a imposibilidade de promover concorrencia na oferta” e destaca ademais que “esta ausencia de concorrencia limita o proceso licitatorio aos termos acordados polas partes nun procedemento negociado”.

Entes instrumentais

O Consello de Contas deu a coñecer, tamén esta segunda feira, o Informe económico financeiro das entidades instrumentais da Xunta da Galiza en 2022. O relatorio analiza a situación da popularmente coñecida como “administración paralela” que nesa anualidade xestionou 1.571 millóns de euros, o que representou perto do 17% do orzamento galego dese exercicio. 

A este respecto, destaca que “malia a redución considerábel no número de entidades desde 2011, o volume de fondos do sector instrumental desde ese exercicio e, en particular, as transferencias e subvencións consignadas nos orzamentos da Xunta para o devandito sector medraron pola xeneralización do modelo de axencia”. 

O ente fiscalizador galego cuestiona a xestión dos entes autónomos. Nesta liña, afirma que "a diferenza do acontecido na Administración do Estado e noutras comunidades, a Xunta da Galiza optou por empregar o modelo de axencias para xestionar de xeito descentralizado importantes áreas de gasto". A ausencia de mecanismos de control efectivos por parte da Xunta é outro problema.

Así, Contas destaca que "non se realizaron nas entidades instrumentais controis de eficacia ou auditorías operativas que traten de verificar o cumprimento de obxectivos, a boa aplicación dos fondos recibidos e a subsistencia". Ademais, reclama  “estabelecer as medidas oportunas para transparentar a actuación financeira das entidades nas que a Xunta sexa o accionista, socio ou partícipe de referencia”. 

Comentarios