O incendio que se rexistrou esta cuarta feira pola tarde na parroquia de Suevos, en Arteixo (comarca da Coruña), quedou estabilizado a primeira hora da noite, calcinando un total de vinte hectáreas de superficie afectada, segundo as estimacións da Xunta da Galiza.
No punto do incendio, o segundo que se produciu na zona nos últimos días, ocúpanse dos labores de extinción do lume un técnico, seis axentes, oito brigadas, seis motobombas, unha pa, dous avións e catro helicópteros.
O incendio permanece activo desde as 17.07 horas da cuarta e o vento dificultou os traballos dos efectivos que combaten o lume. Desde o parque comarcal de bombeiros de Arteixo, que se atopan en folga, informaron en redes sociais de que mobilizaron medios e de que se sitúan en cola do incendio debido á súa proximidade a vivendas. A parroquia de Suevos xa sufrira outro incendio forestal o pasado sábado, que queimou unha superficie reducida.
Incendio en Trasmiras
Tamén esta cuarta feira, contra as 17.40 horas, declarouse un incendio na parroquia de Lobaces, en Trasmiras, que calcinou unhas 6 hectáreas de monte raso. Medio Rural constatou que os labores de extinción avanzan e hai unha evolución favorábel cara ao control do mesmo. Traballan no punto un axente, catro brigadas, tres motobombas, dous avións e un helicóptero.