30 marchas percorrerán o territorio galego durante o Día Internacional da Clase Obreira

Case 20 cidades e vilas contarán con manifestación.

Manifestación da CIG polo Primeiro de Maio do pasado ano en Vigo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Manifestación da CIG polo Primeiro de Maio do pasado ano en Vigo (Foto: Nós Diario).

Até 30 mobilizacións están convocadas a cuarta feira por todo o territorio galego para conmemorar o Día Internacional da Clase Obreira e reclamar mellores  condicións para as traballadoras e traballadores no país.

O principal sindicato da Galiza, a Confederación Intersindical Galega (CIG), desenvolverá até 16 manifestacións ao longo do país, concentrando máis da metade das convocatorias rexistradas durante a xornada.

A mobilización central decorrerá na Coruña, lugar tamén elixido para a marcha conxunta principal de Comisións Obreiras (CCOO) e Unión Xeral de Traballadores (UXT), protesta que se replicará en Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Cee, Ribeira, As Pontes, Ribadeo, Verín, O Barco de Valdeorras, Vilagarcía, A Estrada e Cangas do Morrazo, todas elas baixo o lema 'Traballo digno, pola paz e a soberanía dos pobos e contra o imperialismo'.

A organización sindical nacionalista fixo fincapé ao lanzar un chamamento á participación na situación na que se atopa a clase traballadora galega no medio da combinación de altos prezos no cesto da compra en paralelo á baixa capacidade adquisitiva dos salarios.

Os sindicatos estatais máis relevantes na Galiza, CCOO e UXT, marcharán conxuntamente, amais de na manifestación na cidade herculina, en Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Vigo e Vilagarcía, co lema 'Polo pleno emprego: Menos xornada, mellores salarios'.

Non obstante, en Pontevedra, ambas as dúas entidades organizan cadansúa protesta, ao tempo que CCOO marchará en solitario en Viveiro.

Pola súa parte, a Confederación Nacional do Traballo (CNT) está detrás da organización de dúas manifestacións, a da Coruña e Ourense, na primeira canda a Central Unitaria de Traballadoras (CUT), a Confederación Xeral do Traballo (CXT) e o Sindicato da Elevación 'Contra o xenocidio palestino, o militarismo e a guerra', e na segunda acompañada da CUT, a CXT e o Sindicato Ferroviario para reclamar 'Unidade e Acción'.

No caso da cidade olívica, CUT, CXT e Sindicato Ferroviario promoveron unha manifestación compartida, e no que atinxe á capital galega, Compostela, a CUT convocou en solitario unha marcha baixo o seu lema, '25 anos sen renunciar á historia'.

Comentarios