Reclaman en Ferrol o indulto para o ex sindicalista Xesús Anxo López Pintos

Perto de cen persoas mobilizáronse ante o edificio administrativo da Xunta da Galiza

Concentración, esta quinta feira, en Ferrol, para reclamar o indulto de López Pintos. (Foto: Europa Press)
photo_camera Concentración, esta quinta feira, en Ferrol, para reclamar o indulto de López Pintos. (Foto: Europa Press)

Preto dun cento de persoas concentráronse esta quinta feira en Ferrol para reclamar o indulto para o ex sindicalista Xesus Anxo López Pintos nunha mobilización convocada polas organizacións CIG, CCOO, CXT e UXT e que decorreu ante o edificio administrativo da Xunta da Galiza, na praza de España.

A Audiencia condenou o ex secretario comarcal da CIG “por agredir un policía durante unha protesta por un acto electoral do PP en Ferrol”. Absolveu, pola contra, o funcionario do 091 dos delitos de tortura, contra a integridade moral e lesións polos que foi acusado.

Nesta concentración participou o secretario xeral de CIG, Paulo Carril, que sinalou que esta protesta "é unha nova chamada e demanda ao Goberno español a que resolva o indulto e ese acto de inxustiza", debido á "situación que se impuxo de forma inxusta ao compañeiro Pintos".

Carril lembrou que ese incidente sucedeu "como consecuencia dunha actuación desproporcionada e de violencia por parte da Policía", e que agora pretenden "converter os verdugos en inocentes e os inocentes en verdugos".

Carril detallou que aqueles incidentes producíronse "nun contexto na defensa do futuro industrial de Ferrol", e que "levamos meses agardando, despois dunha petición de miles de persoas e dos concellos da comarca", por ese indulto.

“Por tanto non entendemos o atraso sobre a súa resolución, como tampouco que a coñecida como lei mordaza continúe estando vixente e sigamos tendo riscos como este", denunciou Carril. Sobre todo por "defender os dereitos da clase traballadora e ter a mobilización social como elemento fundamental para a conquista de dereitos".

Comentarios