Opinión

Altri, todo flúe

[Xoán Costa]

O director de proxecto que Altri pretende levar a efeito en Palas de Rei, Bruno Dapena, seica dixo nunhas declaracións que esa factoría é un proxecto único no mundo, que conta, se o diñeiro acompaña, con tan alta tecnoloxía que, no proceso produtivo non consome auga, senón que a usa, devolvéndoa ao río con máis calidade da que posuía cando foi captada e nun punto anterior ao de captación, de modo que, segundo el, se volvería usar a mesma auga. Entra con esta afirmación o señor Dapena en clara contradición co principio atribuído a Heráclito e confirmado por Platón, segundo o cal todo está en constante mudanza, nada permanece e no mesmo río non nos bañamos dúas veces, porque todo pasa, todo flúe. Mesmo a auga vertida por Altri a 30º centígrados. Mais non só fica contradito o principio do “Panta rei”.

Tamén, deduzo eu, vai haber algúns problemas na aplicación, canto ao uso e consumo de auga se refere, da lei de conservación da materia formulada por Mijaíl Lomonósov en 1748 e por Antoine Lavoisier en 1785. Lembran? É esa lei da química que, simplificando, asegura que a materia nen se cría nen se destrúe, só se transforma. No caso da produtora de celulosa non é só a materia que se transforma: é o medio ambiente e a relación humana nunha zona altamente dependente do río Ulla. E todo por unha boa presa de euros a beneficio duns poucos.

Comentarios