Opinión

Desasosego político

[Xoán Costa]

Teño instalada no meu telemóbel unha aplicación de dicionario en liña que cada día me suxire un vocábulo. No primeiro día de campaña a suxestión chámase "desasosego", aclarándome o propio dicionario que intranquilidade ou desacougo son palabras sinónimas. Ignoro cal é o criterio de selección de palabras desa aplicación para que desasosego sexa a palabra eleita mais teño a percepción de que ese é o termo acaído para descreber a situación que imos encontrar desde agora ao día 18-F.

Fernando Pessoa, no Livro do Desassossego escrebeu: “Mesmo eu, o que sonha tanto, tenho intervalos em que o sonho me foge, então as coisas aparecem-me nítidas”. Ou aínda:  “Senti em sonho a minha libertação, como se mares do Sul me houvessem oferecido ilhas maravilhosas por descobrir”.

Todos temos soños para o 18-F. E para o 19. O PP, acirrado gobernador da Galiza con políticas moi negativas para as maiorías sociais, fantasía agora cunha España uniforme e centralista que se lle resiste e, nese devaneo, a realidade móstraselle indiscutíbel: pode perder o goberno porque hai unha grande parte do eleitorado que, co voto xa definido ou aínda por definir, tamén soña. E nos intervalos en que o soño foxe de nós, aparece nítida a Galiza que reaxe contra tantos anos de políticas que nos privan de futuro.

Comentarios