Opinión

Que entre o vento

[Xoán Costa]

A lexislación eleitoral estabelece o día previo ao das eleicións como xornada de reflexión. Na realidade, a LOREG, a lei que rexe os procesos eleitorais, non lle dá ese nome e só se limita a estabelecer certas restricións como non facer actos eleitorais, non pedir o voto, non difundir propaganda, non publicar entrevistas a candidatas e candidatos, etc. Argumentos a favor ou en contra de estabelecer ese día haber, hainos, e non veñen agora a conto. Agora só cabe reflexionar. E que mellor que facelo desde o Hamlet, o de Cunqueiro, o que se perguntaba como podemos ao mesmo tempo existir e non existir, sermos e deixarmos de ser.

Escoitemos o CORO, esa voz que se identifica como “o señor vagas sospeitas, don murmuracións, micer memorias de tempos idos, don ollo fisgando por unha pechadura” e escoitemos HAMLET que nos libera do vento irado “Nunca deixaron entrar en Elsinor o vento. Unha medida real, Poloño. Un decreto supremo. Pono por escrito. Dende hoxe o vento pode entrar nas estancias de Elsinor. El Rei Hamlet non lle ten medo ao vento que ouvea fóra”.

Xornada de reflexión. Non podemos pedir o voto mais podemos desexar, e desexamos, que entre o vento. Que entre e encha “as velas dos navíos que percuran o pulo das brisas nos estreitos, e na colma do horizonte, as luces acesas nas illas”.

Comentarios