Opinión

Rueda, o impontual

[Xoán Costa]

Hai tempo que nas campañas eleitorais se utilizan os vídeos para nos achegar a faceta máis íntima e humana da persoa candidata. Trátase de mostrar que é alguén que, coma nós, ten imperfeizóns, mais na que se concentran os valores que tamén a nós se nos supoñen: boa persoa, traballadora, de fiar. Así é como o PP presenta Rueda no segundo dos vídeos da precampaña.

Varias persoas fan semblanza do candidato, conxugando o ámbito público e o privado e aplicando os roles de xénero habituais deses ámbitos: a faceta pública é comentada -en galego ou en español- só por homes (apoñéndolle as etiquetas de responsábel, con carácter, fiábel e con capacidade de se sobrepor) mentres que o papel das mulleres, co español como lingua, se restrinxe ao ámbito familiar: nai, esposa e fillas defíneno como cariñoso, fiel, bon pai e bon fillo. Diranme que no núcleo familiar de Rueda non hai homes que poidan intervir e por iso só aparecen mulleres. Vale, mais, no ámbito público do PP non hai mulleres? Non será que se trata de validar o modelo?

Se as virtudes se distribúen entre familia e amizades, as imperfeizóns son comúns: Rueda é un impontual. Fixémonos nesa. Porque impuntual é sinónimo de informal, de incumpridor. Se cadra é esa característica a que explica a demora en tomar certas decisións, a dos pellets, por exemplo. Vai sendo hora de sermos pontuais.

Comentarios