Opinión

Vender imaxe política

[Xoán Costa]

Se cadra, leitoras e leitores, téñense perguntado a razón de por que chegados ao número 1095 de Nós Diario nunca apareceu unha entrevista co presidente da Xunta. E se cadra non. Mais, quer si, quer non, a realidade é esa. Deben saber que non é por non a termos solicitado. Non. O certo é que nen Feixoo primeiro nen Rueda despois quixeron, na súa calidade de presidentes de todas as galegas e galegos, comparecer perante vostedes, leitoras e leitores con dereito a teren información, e dar resposta ás perguntas que se lle poderían pór.

E cal pode ser a razón desa non comparecencia? Pois unha cuestión de dereitos de imaxe política. Como se de calquera deportista da elite ou estrela do cinema se tratar, na Galiza, e non só, o presidente da Xunta só aparece en determinados medios que —árdelle o eixo!!— teñen tal exclusiva, non porque a merquen, que aínda podería ser comprensíbel nun contexto en que todo se compra e se vende, senón porque é a propia Xunta quen a paga con contratos ad hoc. Iso é o que desde Nós Diario vimos denunciando e o que o Consello de Contas acaba de ratificar, poñendo en evidencia diferentes deficiencias na adxudicación de contratos a dedo a determinadas empresas xornalísticas. Mercar medios pode ser rendíbel eleitoralmente. Censurar aqueles que ofrecen outra visión da realidade é, do ponto de vista da ética política, moi cuestionábel.

Comentarios