Opinión

XXXIII Xornadas de Lingua e Literatura

Cando che escribo, LV, vanse celebrar as XXXIII Xornadas de Lingua e Literatura, creo que necesarias como as primeiras. Hai que mudar moitas cousas. Hai que devolverlle tempo á lectura en voz alta, á escrita a man, ao pensamento crítico. Penso, será cousa de ciencia ficción, que estamos educando escravos e escravas (que nunca terán conciencia de o seren), mocidade que feliz coa máxima rapidez e eficiencia pulsará a tecla adecuada.

Celébranse as XXXIII Xornadas de Lingua e Literatura e eu creo que hoxe é difícil entender a relevancia destes encontros, a posta en común de experiencia e desexo de renovación, de aprendizaxe e formación, de enerxía posta ao servizo do ben común, que  era a dignidade das aulas de lingua e literatura galega e a súa saída da marxinalidade, da liturxia escolar e (case) folclórica, á que nacera condenada. Non, non é doado explicar a situación da lingua, nin da súa aprendizaxe, nin da imaxe do profesorado de lingua e literatura galega. Primeiro o profesorado galego tivo que saír do franquismo e loitou por levar a lingua ás aulas das súas disciplinas; logo apareceu o profesorado da especialidade de lingua e literatura, tratado nun principio como especialista no enxebrismo,  tradutor ou dicionario andante sempre na obriga de dar resposta. En realidade, eramos persoas comprometidas, obrigadas a actuarmos como axentes de normalización lingüística e loitar contra todo tipo de  prexuízos.

Priorizouse a normalización da lingua fronte a un duro conflito normativo, que afectou moito, aínda hoxe, a quen non escribía na normativa oficial e tamén a ti, LV. Debería pensarse na importancia dos selos editoriais como Vía Láctea, Edicións do Castro, A Nosa Terra e Laiovento, que apostaron pola liberdade normativa  para que hoxe te esteamos celebrando como autora.

Leo o programa das II Xornadas de Lingua e Literatura de 1992 e encontro profesorado con  verdadeira vocación: Pilar García Negro, exemplo de ensinante que levou o galego ás aulas de literatura española, formulou que o galego non era unha asignatura e falou sobre a pseudonormalización; Manuel Portas falou sobre a función do ensinante de lingua; Manuel Amor e Mercedes Espiño falaron de didáctica dinamización na aula; Goretti Sanmartín detívose na situación lingüística de principios do Século XX. Había que (re)ler a literatura galega con  novas ópticas e así se demostrou: Carmé Sanjulián foi pioneira no estudo da imaxe da muller na literatura e levala ás aulas; Forcadela e Francisco Rodríguez falaron da obra de Blanco Amor, Carlos Bernárdez de Manuel Antonio, M. Rei Romeu de Castelao, Millán Otero de Vicente Risco, Teresa López sobre o neotrovadorismo, Miro Villar sobre Bouza Brey, X. M. Álvarez Cáccamo sobre Celso Emilio Ferreiro, Miguel Mato da poesía despois do 75, Pancho Pillado do Teatro, Suso Sambade de Neira Vilas. Bernardino Graña e Carlos Casares falaron sobre a súa obra. Ti tamén falaches, "Se o incerto señor don Hamlet volvese a Elsinor", fixéchesnos toda unha revelación sobre a natureza da personaxe de Shakespeare, sobre o Cunqueiro. Releo a nova edición en Laiovento de Don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral, con pracer subliño o texto, como na primeira lectura hai 32 anos. Insistirei nas próximas xornadas na relevancia da túa análise.Volveremos encontrarte.

Comentarios