Opinión

Censura 19-F

Non pasaron nin 24 horas desde o reconto e o PP comezou a súa particular celebración "prescindindo" de persoas que se significaran por mostrar a súa proximidade ao BNG ou por seren, ou ter sido, candidatas. Por suposto, aducirían motivos como a reorganización dos programas ou a diversificación dos relatores, sabémolo, porque non é a primeira vez que pasa. Algunhas lembramos aínda como prescindiron de nós no ano 2009, tomando o control da radio e da televisión, que tan bos servizos lles presta.

Mais neste caso, chama a atención ademais o descaro co que proceden a censurar a quen non lles interesa ao día seguinte de levar a sorpresa de verse gañadores. Non se preocupan nin de aparentar, con toda a obscenidade din Roxelio, Montse, Elsa, Mª Xesús ou Mercedes non. E para que van disimular? Levan anos controlando a información que entra nas casas a través dos telexornais que, ademais, fan ostentación cada día dos moitos espectadores que teñen. 

Debía ser isto o que quería dicir Rueda cando na mesma noite do 18 dixo que gobernaría para todos, tamén para quen non o votou. Iso e que vai ser máis "bilingüe" que nunca, pois como na campaña, daba longos espazos á lingua de Castela no seu discurso. Velaí o seu "funcionamento".

E dixen que levaron a sorpresa porque se atendemos á sucesión dos feitos, temos que concluír que non as tiñan todas consigo. Alberto agardou en Madrid sen saber que noticia recibiría esa noite, mentres os apoderados sufrían en cada unha das mesas en que, ás veces, as papeletas do BNG chegaban a avultar máis cás súas.

E logo está Vigo e os concellos que rodean a Ría. Madía leva se non parece que a veciñanza reaccionou ás fraseciñas da madrileña que aterrou "en la bahía de Vigo" e invocaba "la inmensa suerte de pasear entre montes de eucaliptos". Faltáronlle os aromas de Ence, pero eses están noutra "bahía", claro.

Deberon sufrir moito. E por iso, sen agardar máis, puxeron a maquinaria da censura ao máximo de revolucións para arrasar no ámbito cultural.

Comentarios