Ana Miranda volverá ser a cabeza de lista do BNG nas Europeas

Bieito Lobeira ocupa a posición número 2 na proposta de candidatura aprobada polo Consello Nacional.
A eurodeputada Ana Miranda, no pleno da Eurocámara. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A eurodeputada Ana Miranda, no pleno da Eurocámara. (Foto: Nós Diario)

O BNG duplicou os resultados nas últimas eleccións europeas de 2019 con respecto ás de 2014.

Co aval deses resultados, Ana Miranda, que tornou en eurodeputada ese ano, volverá encabezar a candidatura da formación nacionalista nos próximos comicios continentais.

Na Consello Nacional do Bloque que se desenvolveu este sábado aprobáronse tanto o programa electoral como unha listaxe na que o posto número 2 é para Bieito Lobeira, membro da Executiva Nacional.

No terceiro lugar figura Mar Pérez, profesora da Área de Economía, Socioloxía e Política Agraria na Universidade de Santiago de Compostela, sendo cuarto Roxelio Santos (mariñeiro e divulgador) e quinta Miriam Opazo (creadora audiovisual).

Xa por detrás emerxen o dramaturgo Roberto Pascual (sexto), a investigadora Keina Espiñeira (sétima), o estudante Artai Gavilanes (oitavo), a ambientóloga Antía Alberte (novena), o carpinteiro e activista contra a megacelulosa de Altri Fernando Camino (décimo), Pilar Vázquez -responsábel de Política Internacional de Galiza Nova- (undécima) e no duodécimo e último lugar Kevin González, remeiro e adestrador na SD Tirán.

Ademais, as suplentes son María Traba (traballadora do sector de atención ao cliente e activista feminista) e o traballador do Sergas Xoán Xesús Freire. 

Pontón avanza unha campaña das europeas 100% galega cun obxectivo: “Darlle a Galiza un escano de país en Bruxelas”

En relación ao anterior, a portavoz nacional, Ana Pontón, puxo en valor o traballo realizado por Miranda en Bruxelas en defensa dos intereses de Galiza, “o mellor aval” para pedir a confianza da cidadanía o 9 de xuño, e anticipou unha campaña “cento por cento galega” centrada nos problemas reais da xente, cun obxectivo moi claro: que Galiza teña un escano de país da man do BNG.

“O escano do BNG foi o escano do pobo galego e así o seguirá sendo con máis forza a partir do 9 de xuño, ese é o noso obxectivo porque Galiza precisa ter voz propia en Europa para facerse escoitar, para negociar, para defender os nosos sectores produtivos, á xente do mar e do rural, o noso medio ambiente e territorio, para defender o avance dos dereitos sociais da clase traballadora”, argumentou na súa intervención ante o Consello Nacional.

Pontón recalcou que fronte a “discursos importados” que nada interesan nin nada resolven, o BNG vai falar na campaña dos problemas reais da xente, “do que lles preocupa ás gandeiras que sacan adiante as súas explotacións leiteiras; dos produtores de pataca da Limia ou de Bergantiños; dos mariñeiros afectados polos recortes das cotas de pesca; das mariscadoras que soportan a perda de produtividade das nosas rías; dos viticultores afectados pola PAC”.

Neste sentido, a portavoz nacional instou a non caer na trampa dun Partido Popular máis ultra que nunca que, augurou, vai repetir a mesma campaña sucia do 18-F, “a mesma estratexia da mentira, do insulto e da crispación; e non temos ningunha dúbida de que volverá usar a TVG, -a televisión pública-, como ferramenta de manipulación e desinformación ao servizo do PP”. 

Pontón contrapuxo o traballo a favor de Galiza levado a cabo por Miranda cun Goberno de Rueda que só demostrou incapacidade política e mesmo desleixo para defender os intereses do País ante as institucións europeas, incluso votando en contra de propostas do Bloque importantes para mellorar a vida da xente.

Grazas ao BNG, en Bruxelas falouse da frota pesqueira, do sector leiteiro, do saneamento das rías, da emigración da xente moza; da fuga de talento investigador, do abandono do rural; do corredor atlántico, da eurorrexión Galiza Norte de Portugal, salientou a formación política. Da man de Miranda abordouse na Eurocámara un modelo enerxético alternativo ao espolio eólico; a rexeneración democrática e a memoria histórica, a defensa dos servizos públicos e a situación da nosa lingua. 

“Por iso é tan importante seguir contando cunha voz propia en Europa, que só se deba ós galegos e ás galegas e teño a seguridade de que despois do resultado histórico do 18F imos conseguir darlle a Galiza un escano galego con máis forza, un escano de País”, proclamou. 

Comentarios