Opinión

Da cultura

Primeiro foi a actualización das longas listas negras. Logo o rodete da maioría absoluta contra a lingua, desta volta no Senado español. E aínda a non celebración do Día de Rosalía (cantos anos custou que o PP atendese a petición da CIG-Ensino de que incluíse a data no Calendario Escolar). Por iso escribín que puxeran a maquinaria da censura ao máximo de revolucións para arrasar no ámbito cultural. Porque sinto que o mundo da cultura está, aínda máis ca antes, no punto de mira. 

Ademais, desde o día 19 non volvín poñer a Radio Galega, non son capaz de oíla (de feito hai anos que me custa moito atender aos faladoiros políticos). E ando polo dial buscando quen me fale galego. Levo días remoendo que precisamos aumentar e fortalecer medios audiovisuais galegos que non estean condicionados polas subvencións. E darlles publicidade de xeito que teñamos radios e televisións alternativas, como temos xa prensa escrita.

Nestes días Mª Xosé Bravo e X. H. Costas asinaban cadanseu artigo sobre a cultura tras o 18-F neste xornal. Artigos necesarios, pois precisamos reflexionar sobre como avanzar culturalmente mentres combatemos esta censura galopante. Bravo chama a "Non apandar" e Costas a "Non colaborar" e engade a idoneidade de crear unha rede alternativa á da Xunta. Fala tamén da posición Fernández Paz, quen rexeitou o Premio da Cultura Galega en 2010, un posicionamento ben contundente nun contexto moi concreto, o da aprobación do Decreto do Trilingüismo que esboroaba o anterior, así como o Plan Xeral de Normalización, aos que contribuíra Fernández Paz. Encomiábel.

Mais eu lembro outro escritor recibindo o premio da Cultura, Neira Vilas en 2014, e o potente discurso que lanzou en directo e tiveron que escoitar. Desde a cociña da casa erguinme da mesa da cociña para aplaudir. Por iso, envexando a afouteza con que un rexeitou o premio, non deixo de pensar se non é atinado tamén ocupar o espazo que desde logo merecemos e que sae dos nosos impostos. Esixirlles que gobernen para todos. 

Comentarios