Opinión

Estúpida ignorancia

Andaba á procura de cousas do século pasado, cando dei cun libriño de capas amarelas e negras. En letras enormes aparece o título: Pedimos a palavra, seguido do subtítulo: 38 poetas galeg@s contra a guerra imperialista e em solidariedade com Palestina. No pé da portada, asinaba a edición a Plataforma galega pola paz e a nom intervençom.

O libro iníciase cunha especie de prólogo titulado "Nom á guerra imperialista. Solidariedade com Palestina", asinado en xaneiro de 2002, única certeza sobre a data en que debeu ver a luz esta publicación. 22 anos reclamando a paz en Palestina. Aínda máis. Porque xa en 1989, daquela promovido pola fundación Araguaney, viu a luz o libro Intifada. Ofrenda dos poetas galegos a Palestina. 32 autores que se converterían en 58 na segunda edición que se publicou en 2003.

Cando topei o libro separeino, coa certeza de que nel habería un poema de Luísa Villalta e, por suposto, alí está o seu poema: "Cando ergueu do leito Ulises". O vindeiro ano verán a luz algúns artigos en que falo desta Luísa, da Villalta comprometida que entregou os seus versos a diferentes causas. De feito, nun deses artigos fálase do poema "Debilidade" recollido na segunda edición de Intifada, mais non deste que aínda non atopara naquel momento, malia ter revisado a miña biblioteca.

No poema de Pedimos a palavra Villalta coloca ante nós a un Ulises que esperta dun "leito de raigaña de oliveira" (a oliveira coma unha sinécdoque de Palestina) e que detivo o tempo para partir en dirección a unha pregunta: "Que ou quen hai que vencer / a non ser a estúpida ignorancia / das nosas propias raigañas?". Unha pregunta que en si mesma contén a resposta: que cómpre vencer a ignorancia que converte a algúns cidadáns e moitos gobernos en seguidores da verdade imperialista que só fan tímidas declaracións e, a pesar de participar de entidades de ámbito internacional e ter ferramentas para facelo, non actúan, mentres matan miles de civís e hospitais e escolas son bombardeados.

Comentarios