Opinión

Judith

Hai algo violentamente macabro nas noticias dos feminicidios que rodean a conmemoración do 25-N. Unha conxura machista que se ceba nestas datas para nos ferir aínda máis. Non é difícil imaxinar como comezou a discusión, ese momento en que el, antes de lle chamar puta, se riu de que pensase que as que saían á rúa berrando contra a violencia a ían salvar de algo. Son quen de o ver sentado á mesa agardando o prato de comida que ela ten que lle servir, insultando as feministas que saen no telexornal. Convertendo esa palabra, feminista, nun insulto cargado de odio. Sei que ese mesmo individuo afirmará, cada vez que unha muller maltratada ou asasinada sae nas pantallas, que por algo sería, que as mulleres hoxe cren que mandan elas, que aínda tiñan que morrer máis.

Cada agresión e cada morte certifican que hai homes que pensan, e mesmo din, cousas así.

E mentres, os nosos veciños comerciantes tiran co carteliño que as adolescentes fixeron no instituto para conmemorar a data e non o colocan nos seus establecementos. E no lugar en que os carteis quedaron expostos na praza, houbo mans que con toda celeridade os arrincaron. E non podo deixar de pensar, e de dicir, que se non exhiben o cartel, se o arrincan é porque son cómplices desa violencia, por obra ou omisión. Por esas rúas camiñan os maltratadores sen que nada os sinale, grazas aos cómplices, porque a ausencia de acción é complicidade.

As palabras colléronme a man. Eu quería falar de Judith. De que chorei lendo como os seus amigos se alertaron e a identificaron. Como o nome da súa filla, tatuado no seu corpo, foi chave para acelerar a investigación. Judith que soportaba sobre si tantas violencias e, tamén, innúmeras miradas de desprezo. Que tamén comprobou por si mesma a ineficacia das medidas que até agora se empregan para erradicar a violencia.

E é que as mortes nosas están sinalando os culpábeis nos tres poderes. Cando nos asasinan, como a Judith, revélase a ineficacia das medidas. Por que ninguén actuou antes?

Comentarios