Opinión

Leilía

Chamádeme parva, mais non son quen de evitar as bágoas cando ao correr do rato do ordenador dou cuns vídeos en que diferentes persoas van cantando pezas de Leilía. Desde o primeiro día que as oín, xa non sei se nunha gravación de Milladoiro ou en directo na praza da Quintana naquel festival dos anos 90, estremezo cando as sinto. De feito, hai un lugar especial na miña memoria para un concerto seu en Lalín, ao que tiven a ocasión de asistir. Daquela díxenme: teño que repetir. Ía ter a ocasión o pasado decembro no Culturgal, mais o medo a non curar ben a pneumonía botoume para atrás.

Admirei sempre estas mozas do meu tempo. Esa admiración que sente quen segue un grupo ou intérprete. Lembro, por exemplo, que no Alcampo das Fontiñas, Compostela, fixabámonos sempre se estaba na caixa aquela moza alta de voz grave, Mercedes Rodríguez, para que nos cobrase. Nunca lle dixemos nada do que nos gustaba oíla cantar. Esa parva timidez. A ela teríalle prestado que a recoñecésemos e saudásemos. E aínda hoxe creo que Patricia Segade puido ser alumna miña durante uns meses, algo que me dá unha especie de orgullo... Pero non estou certa.

Son fíos de memoria que me volven hoxe ao saber que xa non pisarán un escenario para cantar xuntas, elas que constituíron unha formación insolitamente estábel.

Este Nadal volvín escoitar esa panxoliña en que un enigmático home sen cabeza, de sombreiro na man, facía reverencias no portal de Belén. De novo fiquei rendida ante a interpretación de Felisa Segade, ese inicio a capela... e ante o traballo delas por ter recollido (en Santiso, Lalín), traducido e cantado de novo peza tan singular. E, sobre todo, ante o pobo noso que creou esta e outras letras que non chegarían a nós, melómanas ocasionais e afeccionadas, de non ser polo traballo destas persoas que andaron aldeas por salvar do esquecemento estas xoias literarias e musicais. Que gloria!

Gloria dámoslle a Leilía por acompañarnos nestes 34 anos e achegarnos á nosa identidade musical.

Comentarios