Opinión

O clima e as luces

Descubrín que teño certa afección aos crebacabezas. Crebacabezas de todo tipo. O propio presente, coas súas múltiples faces, é un crebacabezas que o control dos medios maioritarios pretende dificultarnos.

Esta semana ando pendente dos resultados desa reunión internacional sobre o clima. O monitor de pilates, entre exercicio e exercicio, fixo un comentario irónico e atinado. Preguntaba el, onde se celebrou o cume do clima? Nas Fragas do Eume? Na selva do Amazonas? Non, en Dubai, na capital da produción do petróleo. Era como dicir, que acordo pode saír dunha reunión que pretende erradicar as emisións de efecto invernadoiro, facéndose no mesmo lugar que se constrúe sobre a explotación dos combustíbeis que as xeran?

Mais, para o que si serviu o cume foi para consolidar as diferenzas entre Norte e Sur, esixindo por igual o Norte opulento que non para de gastar e os pobos empobrecidos pola ansia capitalista (e colonial) dese Norte que os saqueou mentres consumía sen control e danaba o planeta sen miramentos.

Porque os mesmos que contribuíron a este descontrol climático que nos enferma (e digo enferma no sentido literal de provocar enfermidades na especie humana), veñen agora con novas propostas colonizadoras colocando os eólicos onde se colocaron os encoros, mentres a enerxía navega por tendidos asasinos (de aves, por exemplo) até as grandes capitais, libres de aeroxeradores e presas. E para que? Para gastar e gastar e gastar.

Porque, por moito que sexan led e, por tanto, consuman menos, esa redución teórica do consumo non se produce se multiplicamos o número de lámpadas até o infinito e máis alá. E para iso hai que sufrir unha nova colonización de instalacións produtoras de enerxía? Para iso hai que destruír o territorio? É bastante triste este crebacabezas que estamos a compoñer. Triste e indignante.

Desolador. Porque a 2.500 km ao oeste de Dubai, Israel masacra Gaza, e o control dos combustíbeis fósiles pode ser unha das razóns destas matanzas indiscriminadas.

Comentarios