Opinión

Os móbiles

Hai meses que o uso dos móbiles entre adolescentes é tema de debate. En setembro, a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) reclamou a través da súa presidenta, quen ostentou cargos de responsabilidade con Rajoy e Cospedal, un Pacto de Estado para reducir o uso dos móbiles, considerando que isto influirá na redución do ciberacoso. 
Neste primeiro trimestre do curso e, ironicamente, a través de grupos de wthatsapp, houbo familias que se organizaron para reclamar que non se permitise o uso de teléfonos móbiles nos centros educativos. Paradoxalmente, esa iniciativa tivo eco en Galiza, onde os móbiles non poden ser usados durante o horario lectivo, e xa anunciaban unha asemblea para este mes en Compostela.

O PP comezou a acoller a petición. Así en Andalucía, onde adoptou a decisión no inicio da semana, din os medios que con boa acollida. Mais tamén teñen que recoller os diferentes desacordos, como o das direccións dos centros que acusan á Junta de correr de máis e non contrastar o tema con eles.

Galiza, cun presidente que xa está en campaña, non quixo quedar atrás e, sen consultar a ninguén, xa anunciou este xoves a ampliación das restricións existentes.
Como docente, non só denuncio non ter sido consultada, abrindo un debate que estudase o tema en profundidade, senón que rexeito que me convertan en policía do móbil, facendo recaer sobre a miña capacidade para me impoñer e colocar sancións esa hipotética redución do ciberacoso. Porque iso é o que se pretende, como se o ciberacoso non se producise tamén desde as vivendas familiares cos pais no cuarto do lado, ou sentados no mesmo salón ou na mesma mesa de comer. 

Prohibir non é educar. E prohibir na escola non é sinónimo de solución dun problema en que toda a sociedade ten responsabilidade. Mais este é o modelo PP, botarlle a culpa a outros e trasladarlles a responsabilidade. Mentres eles aínda non adoptaron medidas para un uso seguro dos portátiles que entregan nos centros Edixgal, despois de varios anos.

Comentarios