Opinión

Polo noso mar

Este ano comeceino facendo de voluntaria ambiental. Non é o primeiro Nadal que entre turrón e roscón temos mesmo que pasar noites coidando dun cativo golfiño. Así pasou con Toxiño, que apareceu debaixo da ponte da Toxa. El non sabía que eran datas sinaladas e nós deixamos a familia colgada para lle axudar a el a se manter na tona da auga e non afogar.

Foi un esforzo necesario, mais infrutuoso. Toxiño acabou por morrer, como antes sucedera con Lourida, e outros, incapaces de superar os seus males, perdidos ou abandonados da nai con apenas meses de vida. Sabemos que pode pasar, porén tentamos por todos os medios para mantelos con vida. Porque mortos, mortos chegan todos os días ás nosas praias.

Así que iniciamos o ano nas praias do Grove, con vento e con chuvia, case incapaces de estirar o metro para saber canto mide o animal, medirlle os perímetros e saber se está groso ou fraco, se é macho ou femia, se ten indicios de captura accidental ou se está inzado de parasitos, se hai sinais de traumatismo ou os seus conxéneres tentaron rescatalo.

Mentres faciamos ese traballo comprobamos, unha vez máis, que as praias están cheas de lixo plástico: anacos de rede, de corda, botellas, cestas ou bateas de bivalvos, nasas de polbo... A súa presenza marca a mallante. Non caeron dun contedor. Saíron da terra e á terra volvían. Aínda non se falaba nos medios dos granulados do contedor extraviado.

Grande ou pequeno o plástico é un perigo que está no mar e na terra. Mais no mar anda lonxe dos nosos ollos, por iso non nos doe tanto, parece, aínda que nos fira igual. Na Cemma levamos anos comprobando como as tartaruguiñas varan cheas de frío e pasan semanas cagando plástico, ás veces cos recoñecíbeis nomes dos produtos comerciais que envolveron. E non só elas. Os grandes e descoñecidos zifios non son quen de esquivalo a tempo.
Estamos fartos de tanto plástico no mar.

Por isto e para que mude a forma de xestionar estas emerxencias eu estarei mañá en Compostela. En defensa do noso mar!

Comentarios